Coincidindo co aniversario do seu nacemento, familiares da rama dos Guimarás –propietarios de dita vivenda- asistiron ao descubrimento desta placa
Laura Moure/Silleda
Este venres tivo lugar o descubrimento dunha placa conmemorativa na casa natal do célebre pintor silledense Manuel Colmeiro Guimarás (1901-1999). Estiveron presentes familiares descendentes da familia Guimarás –rama materna do pintor- que son os actuais propietarios da casa, o alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira de Cultura, Mónica González, ademais dos artistas locais autores da placa, Toño González Abal de Coas Mans
Artesanía.

A placa lembra que nesta casa, sita na parroquia de Chapa, ao pé da estrada nacional, naceu Manuel Colmeiro Guimarás, un dos grandes renovadores da pintura galega no século XX, cunha dilatada e recoñecida traxectoria. Colmeiro, que naceu o 7 de agosto de 1901, pasou os primeiros anos da súa vida nesta localidade.
Con 13 anos emigrou ca súa familia a Bos Aires onde comezou a pintar. Voltaría en 1926 a Silleda, xa á casa familiar de Costela, en Margaride, (onde fixaría anos máis tarde a súa residencia e taller de pintura e onde foi soterrado tralo seu falecemento en 1999). Nesta etapa pintou numerosas paisaxes e tradicións coma as feiras inspirándose en terras silledenses.
Logo de formarse cunha beca da Deputación de Pontevedra en cidades como Madrid ou Barcelona co estourido da Guerra Civil, marcha como exiliado de novo a Bos Aires. Pola súa actividade durante os anos seguintes está considerado como un destacado integrantes dos renovadores da pintura galega xunto a artistas como Carlos Maside, Luis Seoane, Laxeiro ou Arturo Souto.

Durante os anos 40 intregouse cun grupo de artistas na Arxentina creando o Taller de Arte Mural, co que pintou os célebres teitos das Galerías Pacífico de Bos Aires. En 1948 abandona Arxentina para abrir estudio en París, onde permanece ata 1986 formando tamén parte do grupo pictórico Escola de Pari. Ata o seu regreso a Galicia expuxo en Francia, Gran Bretaña e distintas cidades españolas.
A súa obra foi obxecto dunha destacada restrospectiva organizada en 1983 polo Ministerio de Cultura e a Xunta de Galicia, á que seguiría outra gran mostra en Vigo a finais dos 90. Ca colocación desta placa Silleda continúa a render homenaxe ao seu artista máis internacional, xunto ca filla deste Elena Colmeiro, escultora e ceramista, finada o pasado ano.
Comments