top of page

O Concello de Silleda analizará as afeccións da solución de evacuación dos eólicos Cunca e Rodeira

8 oct
3 min de lectura

A actuación afecta á parroquia de Carboeiro, con Carboeiriño de Francia como núcleo máis próximo, e inclúe afeccións sobre camiños municipais e propiedades particulares


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de recibir da Xunta de Galicia a documentación actualizada correspondente á modificación da solicitude de declaración de utilidade pública e da necesidade de urxente ocupación da solución de evacuación conxunta dos parques eólicos Cunca e Rodeira, promovida por ICE Cunca y Rodeira S.L. O expediente non é novo. A solución de evacuación xa fora sometida a información pública en 2022 e, tras a tramitación posterior e a incorporación dos condicionantes derivados dos informes sectoriais e das alegacións presentadas, a promotora achegou unha nova relación de bens e dereitos afectados correspondente á configuración final do proxecto. Esta nova relación anula e substitúe á publicada anteriormente. A Xunta solicita agora ao Concello a emisión do correspondente informe sobre as afeccións aos bens municipais e, paralelamente, remitiu tamén a documentación que deberá someterse a unha nova fase de información pública.

Este período aínda non está aberto. A publicación no Diario Oficial de Galicia está prevista para o vindeiro 20 de outubro e, a partir do día seguinte, abrirase un prazo de 30 días hábiles para que as persoas interesadas poidan examinar a documentación e presentar as alegacións ou observacións que consideren oportunas.


A infraestrutura de evacuación parte dos parques eólicos Cunca e Rodeira, discorre por Vila de Cruces e Lalín e entra finalmente no termo municipal de Silleda pola parroquia de Carboeiro, sendo Carboeiriño de Francia o núcleo de poboación máis próximo ao trazado e á nova subestación colectora prevista no proxecto.


No municipio, a actuación inclúe o tramo final da liña aérea de 132 kV, con oito apoios e un percorrido aproximado dun quilómetro, a construción dunha nova SET Colectora Silleda 132/400 kV e a conexión posterior coa actual subestación de Rede Eléctrica mediante unha liña aérea de 400 kV. A documentación sitúa a nova subestación nunha zona denominada no proxecto como “O Coto”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

O Concello está a revisar agora o alcance exacto destas afeccións, tanto sobre bens públicos como sobre propiedades particulares. No que respecta ao patrimonio municipal, a documentación identifica tres camiños de titularidade do Concello de Silleda afectados polo trazado, cunha superficie total afectada de 518,52 metros cadrados.


A revisión municipal non se limitará, con todo, aos bens do Concello. O goberno local analizará tamén a relación completa de predios particulares incluídos no expediente para coñecer con precisión que propiedades están afectadas, que tipo de servidume ou ocupación se contempla e cal é o alcance real de cada afección. O obxectivo é que a veciñanza chegue ao período de exposición pública con toda a información necesaria e poida exercer, se o considera oportuno, os seus dereitos dentro do procedemento.


“Temos que defender os bens municipais, pero tamén ás persoas que viven na zona. Agora temos diante a relación actualizada de bens e dereitos afectados correspondente ao trazado final, e imos revisala con detalle para saber exactamente quen está afectado, de que maneira e que consecuencias pode ter para cada propiedade”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández Pena.


Ademais, antes da apertura do período de alegacións, o Concello convocará unha reunión informativa na parroquia de Carboeiro “imos facer unha reunión na parroquia, como xa fixemos en Cira, para explicar os planos, as afeccións e os prazos e para que cada persoa saiba que pode facer se a súa propiedade está incluída”, engade a rexedora.


O Concello comprobará igualmente os accesos previstos para a execución das obras e o uso de pistas e camiños públicos para o paso de maquinaria e acceso aos apoios das liñas. No informe municipal solicitarase que quede perfectamente delimitado este uso e que a empresa promotora se responsabilice da reposición íntegra de calquera dano que se produza no firme, nas cunetas, drenaxes, marxes ou demais elementos municipais durante a execución das obras.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Tamén se esixirá que se garanta o acceso ás vivendas, explotacións e propiedades da zona durante os traballos e que calquera actuación sobre dominio público municipal que exceda o recollido na documentación dispoña das correspondentes autorizacións.


O Concello dispón dun prazo dun mes desde a recepción da solicitude para emitir o seu informe á Xunta. Unha vez aberto o novo período de información pública, facilitarase tamén á veciñanza a consulta dos planos, da relación de bens e dereitos afectados e do resto da documentación para que cada persoa poida comprobar a súa situación e, se procede, preparar as correspondentes alegacións.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page