top of page

O Concello de Silleda adxudica as obras de saneamento de Maceira Boa

A actuación, cun investimento de 142.830 euros, permitirá conectar o núcleo coa rede existente en Bandeira


Laura Moure/Silleda

A Xunta de Goberno Local do Concello de Silleda aprobará este venres a adxudicación das obras de saneamento de augas residuais no núcleo de Maceira Boa á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos, S.L.U., por un importe total de 142.830,69 euros, IVE incluído. A actuación está financiada ao abeiro do Plan +Provincia 2026-2027 da Deputación de Pontevedra, dentro da Liña 1 de Investimentos. O proxecto contaba cun orzamento base de licitación de 158.700,77 euros.

Foto de arquivo.
Foto de arquivo.

As obras permitirán dar resposta a unha demanda da veciñanza de Maceira Boa, que actualmente non dispón de rede pública de saneamento e utiliza sistemas individuais para o tratamento das augas residuais. A nova infraestrutura ampliará a rede existente en Bandeira para posibilitar a recollida e condución das augas fecais do núcleo ata o sistema xeral.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

O proxecto desenvolverase ao longo de tres eixos e incluirá a instalación do colector principal, as acometidas domiciliarias, os pozos de rexistro e de resalto e a posterior

reposición dos firmes e pavimentos afectados polos traballos.


O colector principal executarase con tubaxe de PVC de 250 milímetros de diámetro, mentres que as acometidas ás vivendas se realizarán mediante conducións de 160

milímetros. O prazo previsto para executar as obras é de dous meses.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A alcaldesa, Paula Fernández Pena, destaca que «esta obra permitirá levar por fin un servizo público básico a Maceira Boa, mellorando a calidade de vida da veciñanza e avanzando tamén na protección sanitaria e ambiental».

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

O saneamento constitúe, ademais, a primeira actuación dun proxecto máis amplo para esta contorna. O seguinte paso será impulsar a senda peonil entre Bandeira e Moalde, pasando por Maceira Boa, co obxectivo de mellorar a seguridade e a mobilidade a pé na zona. O proxecto prevé un itinerario peonil, nova iluminación, melloras no firme e dous pasos de peóns sobreelevados. "Comezamos polo máis necesario, que é dotar as vivendas de saneamento, e continuaremos despois coa mellora da conexión peonil desta zona con Bandeira", sinala a rexedora.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page