O Concello de Silleda activa un novo espazo de encontro para as persoas mozas
- Laura Moure
- 20 jun
- 2 Min. de lectura
Os encontros terán lugar inicialmente os venres de 18:00 a 20:00 horas na Casa da Xuventude dende o vindeiro 4 de xullo
Laura Moure/Silleda
A Casa da Xuventude de Silleda será, a partir do venres 4 de xullo, o escenario dun novo espazo de encontro dirixido á mocidade do municipio. A iniciativa, impulsada polo Concello, busca ofrecer un lugar de referencia onde as persoas mozas poidan reunirse, compartir ideas, desenvolver proxectos e participar activamente na vida local nun ambiente seguro, horizontal e acompañado por profesionais.
A posta en marcha deste novo punto de encontro responde, ademais, ás demandas recollidas en diversas entrevistas mantidas co alumnado dos centros educativos. Nelas quedou patente a necesidade de contar cun lugar propio no que poder expresarse libremente, traballar en grupo e dar forma a iniciativas propias sen directrices externas.

“Dende o Concello recollemos ese sentir e damos agora un paso adiante activando este espazo que aspira a consolidarse, co tempo, como unha auténtica factoría de creación xuvenil”, indica a alcaldesa, Paula Fernández
A proposta enmárcase nun modelo de política xuvenil baseado na escoita activa e na corresponsabilidade, afastado de formatos tradicionais con programacións predeseñadas. O obxectivo é poñer os medios necesarios para que sexan as propias persoas mozas quen decidan como queren empregar o espazo, que tipo de actividades desexan impulsar e de que maneira se queren organizar.
Publicidade
Os encontros terán lugar os venres, en horario de 18:00 a 20:00 horas, nas instalacións da Casa da Xuventude. Ese será o horario inicial, aínda que a previsión é que se vaia adaptando de forma progresiva segundo as necesidades e propostas do propio grupo participante.
A iniciativa contará con acompañamento profesional, mais sen imposición de contidos: o papel das persoas técnicas será facilitar, orientar e dar apoio, mais deixando que sexan as persoas mozas quen decidan o rumbo do espazo, as regras básicas de funcionamento e as accións a desenvolver.
Publicidade
Dende o goberno local explícase que este proxecto non se limita a cubrir tempos de ocio, senón que persegue obxectivos a medio e longo prazo: fomentar a autonomía, a capacidade crítica, o espírito colaborativo e o vínculo co territorio. “Queremos crear as condicións para que a mocidade de Silleda se sinta parte activa da comunidade, para que poida participar, liderar e construír espazos nos que realmente se recoñeza”, sinala a alcaldesa. Para facilitar a implicación desde o primeiro momento, o Concello lanzará unha campaña informativa a través das redes sociais e dos centros educativos, animando á participación nas primeiras sesións. A intención é conformar un grupo inicial que sirva como motor para dinamizar o espazo e atraer a máis participantes co paso do tempo.
A iniciativa encaixa nunha liña máis ampla de acción municipal orientada á renovación dos espazos culturais e ao impulso da creatividade, o benestar emocional e a cohesión social entre a mocidade.
Comments