O Concello de Silleda aborda coa veciñanza de Pedrouzo o proxecto de mellora do lugar
A actuación permitirá mellorar dous ramais deste núcleo da parroquia de Graba e forma parte dun proxecto máis amplo que inclúe tamén viarios en Cervaña e Cortegada
Laura Moure/Silleda
O goberno municipal de Silleda mantivo un encontro coa veciñanza de Pedrouzo, na parroquia de Graba, para abordar o proxecto de mellora viaria previsto neste lugar, unha actuación que permitirá acondicionar dous ramais do núcleo e mellorar a seguridade, a accesibilidade e a funcionalidade destes camiños municipais. Na reunión, na que participou a alcaldesa, Paula Fernández, acompañada polos integrantes do goberno municipal, explicáronse os principais detalles da intervención prevista, así como o alcance dos traballos e as solucións propostas para estes viarios.

A actuación en Pedrouzo forma parte do proxecto de mellora de camiños municipais en Pedrouzo, Cervaña e Cortegada, cun investimento global de 259.561,26 euros, IVE incluído. O proxecto , que está xa en fase de licitación, contempla intervencións en distintos puntos do municipio, concretamente nos núcleos de Barreiro e Pedrouzo, na parroquia de Graba; Alfonsiños e Ouzande, en Cervaña; e Camporrapado e A Revolta, en Cortegada.
No caso de Pedrouzo, a obra permitirá actuar en dous ramais do lugar, mellorando o estado actual da capa de rodadura. Segundo se recolle no proxecto técnico, os viarios presentan un deterioro importante do firme, agravado nalgúns tramos polas deficiencias no drenaxe e polo uso continuado destes camiños, tanto por parte da veciñanza como de vehículos agrícolas, gandeiros e de servizo ás explotacións da contorna.
PUBLICIDADE
Os traballos previstos inclúen a mellora do firme existente, a limpeza de cunetas para favorecer a evacuación das augas pluviais e, nun dos ramais, a execución de pavimento de formigón armado, co obxectivo de reforzar a durabilidade da actuación e adaptala ás características do camiño.
A alcaldesa, Paula Fernández, destacou que este tipo de actuacións “son fundamentais para garantir unhas comunicacións axeitadas no rural, especialmente en lugares nos que os camiños teñen un uso diario por parte da veciñanza e tamén unha importancia directa para a actividade agrogandeira”. Fernández sinalou tamén que o encontro coa veciñanza permitiu “explicar o proxecto sobre o terreo, escoitar achegas e resolver dúbidas antes da
execución da obra”, incidindo en que o goberno municipal quere manter “un contacto directo coas parroquias para que as actuacións respondan ás necesidades reais de cada lugar”.
PUBLICIDADE
Dende o Concello de Silleda lembran que a mellora da rede viaria municipal continúa a ser unha das prioridades do goberno local, especialmente no rural, onde a conservación dos camiños resulta esencial para a mobilidade diaria, o acceso ás vivendas e o desenvolvemento da actividade económica vinculada ao sector primario.
A actuación conta coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra, a través do programa Máis Provincia, e dá continuidade á planificación municipal de mellora progresiva de pistas e camiños nas distintas parroquias do municipio.









Comentarios