O Concello de Rodeiro reforza os Servizos Básicos coa incorporación de dous novos vehículos
- Laura Moure

- hace 2 días
- 3 min de lectura
Ademais continúa a modernización do parque móbil municipal
Laura Moure/Rodeiro
O Concello de Rodeiro vén de incorporar dous novos vehículos ao parque móbil da Concellería de Servizos Básicos: unha pick-up e un carro con sistema hidráulico e plataforma elevadora, dous equipamentos que permitirán mellorar a capacidade de resposta dos servizos municipais e facilitar o traballo diario dos operarios nas distintas parroquias do municipio.
Na presentación participaron o alcalde en funcións, Alberte Lamazares, e o concelleiro de Servizos Básicos, Manuel Deza, quen destacaron que esta nova incorporación permitirá prestar un servizo máis áxil, eficiente e de maior calidade á veciñanza.

A nova pick-up está pensada como un vehículo polivalente que facilitará o acceso dos traballadores municipais ás diferentes aldeas do concello, especialmente para as intervencións na rede de abastecemento de auga, así como para actuacións de bacheo, pequenas reparacións e traballos de mantemento. Ademais, permitirá transportar con comodidade as ferramentas e os materiais necesarios para executar cada actuación.
Pola súa banda, o carro con sistema hidráulico e plataforma elevadora facilitará as tarefas de carga e descarga de materiais, mellorando a seguridade dos operarios e facendo máis eficientes os traballos que se desenvolven a diario.
Un importante esforzo por dotar de medios aos Servizos Básicos
Durante a presentación, Alberte Lamazares lembrou que, cando o actual Goberno municipal asumiu as súas responsabilidades, se atopou cun parque móbil e cun equipamento municipal claramente insuficientes para atender as necesidades dun concello cunha gran dispersión territorial como Rodeiro. "Cando chegamos ao Goberno apenas había vehículos, maquinaria nin ferramentas para poder prestar un servizo axeitado nas nosas aldeas. Tiñamos claro que era necesario facer un importante esforzo para modernizar os Servizos Básicos e dotar aos traballadores dos medios que precisaban", recalca Lamazares.
PUBLICIDADE
Desde entón, o Concello levou a cabo un amplo proceso de renovación dos seus recursos materiais, incorporando:
* Unha furgoneta de servizo.
* Unha Pick-up.
* Un carro con plataforma elevadora.
* Unha pala mixta.
* Un cabezal desbrozador de cadeas.
* Un cabezal de de discos para polas.
* Un camión equipado con grúa para o transporte de aglomerado e a recollida de materiais voluminosos do punto limpo.
* Un pisón para bacheo manual.
* Novas desbrozadoras manuais e diversa maquinaria auxiliar.
Segundo explica Lamazares, todos estes investimentos teñen un único obxectivo: que o Concello poida realizar con medios propios un maior número de actuacións e ofrecer unha resposta máis rápida ás incidencias que se producen no día a día.
PUBLICIDADE
Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Máis medios e máis persoal para mellorar os servizos
Pola súa banda, o concelleiro de Servizos Básicos, Manuel Deza, destaca que o reforzo dos medios materiais foi acompañado tamén dun importante incremento dos recursos humanos. "Nestes momentos contamos co maior número de traballadores municipais das últimas décadas na área de Servizos Básicos. Iso, unido aos investimentos en vehículos, maquinaria e ferramentas, permítenos ofrecer un servizo moito máis eficaz e chegar con maior rapidez ás diferentes parroquias."
Deza subliña que "non abonda con dispoñer de boa maquinaria; tamén é necesario contar cun equipo humano suficiente para poder desenvolver todos os traballos que demanda un concello como Rodeiro. Nos últimos anos fixemos un importante esforzo para reforzar ambas as dúas cousas, porque o noso compromiso é mellorar os servizos públicos e atender á veciñanza nas mellores condicións posibles".
PUBLICIDADE
O Goberno municipal reafirma así a súa aposta por continuar modernizando os Servizos Básicos, renovando progresivamente o parque móbil, incorporando nova maquinaria e dotando aos traballadores municipais dos medios necesarios para seguir mellorando o mantemento das infraestruturas e a atención a todas as aldeas do concello. "Cada investimento que realizamos en medios públicos é un investimento na calidade dos servizos que reciben os veciños e veciñas de Rodeiro. Ese seguirá sendo o noso compromiso", conclúe o alcalde en funcións, Alberte Lamazares.









Comentarios