O Concello de Rodeiro presenta a Programación Cultural do Verán 2026 cunha ampla oferta
- Laura Moure
- hace 14 minutos
- 4 min de lectura
A 18 de xullo terá lugaro o Evento Solidario con Venezuela
Laura Moure/Rodeiro
O Concello de Rodeiro, a través da Concellería de Cultura que dirixe Xulia Dacal, continúa coa súa aposta por ofrecer unha programación cultural variada, participativa e de calidade, pensada para dinamizar a vida social do municipio e achegar propostas de lecer a persoas de todas as idades. A Programación Cultural do Verán 2026, que se estenderá entre os meses de xuño e novembro, combina espectáculos infantís, actuacións musicais, iniciativas xuvenís, festas populares e eventos que promoven valores como a convivencia, a participación cidadá e a solidariedade.
Desde o Goberno municipal considérase que a cultura é unha ferramenta fundamental para fortalecer o tecido social, favorecer o encontro entre a veciñanza e converter os espazos públicos en lugares de convivencia. Por este motivo, o Concello continúa impulsando unha programación que reúne artistas de referencia, propostas para o público familiar e actividades que buscan implicar á cidadanía na vida cultural do municipio.

A programación arrancou o pasado 26 de xuño co espectáculo infantil Peter Punk Paiaso, dentro do programa Cultura no Camiño, e continuou o 29 de xuño coa actuación de Colectivo Xurelo, incluída no ciclo Letras de Begoña Caamaño, promovido pola Deputación de Pontevedra.
Tras este inicio, as actividades continúan durante o mes de xullo con novas citas culturais, entre as que destaca especialmente o Evento Solidario con Venezuela, que terá lugar o vindeiro 18 de xullo. Trátase dunha iniciativa coa que o Concello de Rodeiro quere expresar o seu apoio ao pobo venezolano e contribuír, a través da cultura e da participación cidadá, a unha causa solidaria.
Baixo o lema "Xuntos sumamos, xuntos axudamos", a xornada está concibida como un encontro para toda a familia no que a música, o lecer e a solidariedade compartirán protagonismo. Desde as 19:00 horas desenvolveranse actividades infantís, inchables e animación musical para que os máis pequenos poidan desfrutar dunha tarde diferente. Posteriormente, ás 22:00 horas, celebrarase unha merendola popular e dará comezo un gran concerto de folk, no que actuarán os grupos Guezos e Vanesa Muela e a Banda Traka, ofrecendo un espectáculo pensado para todos os públicos.
A concelleira de Cultura, Xulia Dacal, subliña que esta cita representa perfectamente a filosofía coa que se deseñou toda a programación estival. "Queremos que Rodeiro sexa un concello vivo, no que a cultura estea presente durante todo o verán e sirva tamén para transmitir valores. O evento do próximo 18 de xullo é un claro exemplo diso. Ademais de ofrecer unha tarde chea de actividades e un concerto de primeiro nivel, queremos lanzar unha mensaxe de apoio ao pobo venezolano. Desde Rodeiro queremos demostrar que tamén desde os pequenos municipios podemos impulsar iniciativas solidarias e contribuír, entre todos, a facer visible a nosa empatía e o noso compromiso con quen está a pasar por momentos difíciles."
PUBLICIDADE
A edil tamén fai un chamamento á participación da veciñanza, convencida de que será unha das citas máis especiais do calendario estival. "Animamos a todas as familias, aos mozos e mozas e ás persoas de toda a comarca a achegarse o 18 de xullo. Estamos convencidos de que será unha gran festa da solidariedade, na que desfrutaremos da música e da convivencia, demostrando que cando unha comunidade se une é capaz de facer grandes cousas."
A programación continuará o 24 de xullo co espetáculo para público adulto Leti da Taberna, tamén integrado no programa Cultura no Camiño.
Xa no mes de agosto, Rodeiro celebrará a III Festa Acuática, o día 8, unha das actividades máis esperadas do verán, que contará coa animación de Odaiko, Artística e Banda 80. Os días 12, 13 e 14 de agosto desenvolverase a tradicional Acampada Xuvenil, que incluirá a actividade Eclipse Solar, mentres que o 14 de agosto terá lugar a actuación musical de Familia Bocaprier, dentro do programa Máis Escénicas.
PUBLICIDADE
A programación prolongarase ata o mes de setembro, cando Rodeiro acollerá a segunda edición de Raíces e Horizontes onde o protagonismo recaerá no integración social e teremos a actuación de Comando Curuxás, incluída no programa Máis Música.
Con esta programación, o Concello de Rodeiro reafirma o seu compromiso por seguir achegando unha oferta cultural estable e de calidade ao municipio, promovendo actividades que favorecen a participación cidadá e a dinamización social. Ao mesmo tempo, iniciativas como o Evento Solidario con Venezuela evidencian a vontade da Concellería de Cultura de utilizar a cultura como un vehículo para fomentar a solidariedade e a cooperación, facendo de Rodeiro un concello comprometido non só coa súa veciñanza, senón tamén coas causas que precisan do apoio colectivo.
PUBLICIDADE
Desde o Concello convídase a toda a cidadanía a participar nas diferentes actividades programadas e, de maneira especial, no Evento Solidario con Venezuela do próximo 18 de xullo, unha xornada na que a música, o lecer e a solidariedade volverán darse a man baixo un mesmo obxectivo: sumar esforzos para axudar.





