O Concello de Rodeiro móbilizase para levar a "Roxa" á vitoria no certame Miss Vaca Galicia 2026
- Laura Moure

- hace 22 minutos
- 2 min de lectura
Este concurso será hoxe venres, no programa Luar da Televisión de Galicia
Laura Moure/Rodeiro
Concello de Rodeiro vive con gran expectación as horas previas á gala do certame Miss Vaca Galicia 2026, que terá lugar este venres, 26 de xuño, no programa Luar da Televisión de Galicia (TVG. Este municipio estará representado por un dos seus veciños máis dedicados, Manuel Villanueva, quen acode ao plató acompañado pola súa vaca, Roxa, nunha aposta que busca poñer en valor a excelencia gandeira desta terra.

Roxa non é unha competidora calquera. Este exemplar, que se converteu no orgullo da gandería local, destaca pola súa harmonía e calidade, reunindo tres virtudes que, segundo o propio Manuel, a sitúan como unha das grandes favoritas para facerse coa coroa desta edición:
Beleza e presenza: Unha característica física impoñente que non deixa indiferente a ninguén, destacando as liñas morfolóxicas que definen a excelencia da raza.
Adaptación ao medio: Roxa é o claro exemplo da rusticidade e a capacidade de desenvolvemento no noso ecosistema rural, demostrando unha saúde e vigor exemplares grazas aos coidados tradicionais.
Carácter dócil: Máis aló da súa aparencia, a súa temperanza e docilidade reflicten o vínculo estreito e afectuoso que existe entre Manuel e ela, unha relación baseada no respecto e no benestar animal, piares fundamentais da gandería sostible que promovemos desde este Concello.
PUBLICIDADE
O alcalde en funcións de Rodeiro, Alberte Lamazares, quixo destacar a importancia desta participación: "Para o Concello de Rodeiro é un motivo de enorme satisfacción contar con veciños coma Manuel Villanueva. A súa dedicación diaria, o seu amor polo gando e o coidado que lle dispensa a Roxa son un reflexo fiel do traballo de moitas familias gandeiras da nosa comarca. Ver a Rodeiro no mapa televisivo a través dun evento tan arraigado na nosa cultura coma 'Miss Vaca Galicia 2026' é unha oportunidade única para reivindicar a importancia do noso sector primario como motor social, económico e cultural".
Lamazares fixo un chamamento especial a toda a cidadanía: "Pedimos a todos os nosos veciños e veciñas de Rodeiro, e a todas as persoas da provincia de Pontevedra que senten o orgullo rural, que este venres estean pendentes de 'Luar'. A vitoria de Roxa depende moitas veces da participación popular, polo que a nosa unión é fundamental. Temos que facer ruído, votar e demostrar que en Rodeiro temos a mellor representación posible. Imos apoiar a Roxa para que esa coroa de Miss Vaca Galicia 2026 veña para o noso concello".
PUBLICIDADE
Desde o goberno municipal, convídase a toda a veciñanza a seguir a gala hoxe, venres,e a participar activamente nas votacións. A vitoria de Roxa non sería só un recoñecemento para Manuel e o seu animal, senón un éxito compartido para todo o Concello de Rodeiro, tal e como subliña o ente local.








Comentarios