O Concello de Rodeiro dá comezo ao Obradoiro de Emprego II Terras do Deza con 20 participantes
- Laura Moure

- 17 jun
- 2 min de lectura
Laura Moure/Rodeiro
O Concello de Rodeiro presentou onte o inicio do Obradoiro de Emprego II Terras do Deza, un programa de formación e emprego no que participan 20 alumnos e alumnas e que permitirá combinar a aprendizaxe práctica coa realización de actuacións de mellora en diferentes espazos públicos do municipio.

No acto de presentación participaron Begoña Vázquez, concelleira de Emprego; Manuel Deza, concelleiro de Servizos Básicos; e Alberte Lamazares, alcalde en funcións, quen deron a benvida ao alumnado e destacaron a importancia desta iniciativa para favorecer a inserción laboral e a adquisición de experiencia profesional.
A posta en marcha do obradoiro produciuse tras unhas semanas de intenso traballo organizativo. Tal e como explicou o alcalde en funcións, a situación complicouse especialmente nos últimos días debido a que a Xunta de Galicia non aceptou a prórroga solicitada para o inicio do programa. "A maiores, foi necesario afrontar a renuncia da persoa que obtivera a maior puntuación para o posto de mestre da especialidade forestal, circunstancia que obrigou a realizar novas xestións para garantir o correcto desenvolvemento do obradoiro".
PUBLICIDADE
A pesar destas dificultades, desde o Concello valoran moi positivamente que o programa poida comezar dentro dos prazos establecidos. Alberte Lamazares destacou o esforzo realizado polos servizos municipais para sacar adiante esta iniciativa e agradeceu o traballo desenvolvido por todo o persoal implicado na súa organización. “Estamos moi satisfeitos de poder iniciar este obradoiro porque supón unha oportunidade real de formación e acceso ao mercado laboral para os seus participantes, ao tempo que permitirá desenvolver actuacións de grande utilidade para o conxunto da veciñanza”, sinalou.
Ao longo dos próximos meses, o alumnado levará a cabo diferentes traballos relacionados coa limpeza, acondicionamento e posta en valor de parques, rutas e espazos públicos, así como actuacións de mellora e recuperación de diversas infraestruturas municipais. Uns traballos que contribuirán tanto á formación práctica dos participantes como á mellora do patrimonio e dos servizos públicos do concello.
PUBLICIDADE
Desde o Concello de Rodeiro destacan que este tipo de programas representan unha ferramenta fundamental para impulsar o emprego, fixar poboación no rural e continuar avanzando na conservación e mellora dos espazos públicos municipais.








Comentarios