O custe total dos traballos ascende a 88.414 euros
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide vén de realizar traballos de reposición de viais no parque empresarial da Madanela. As obras incluíron a renovación das calzadas deterioradas mediante estendido de aglomerado e ampliación da área de calzada das rotondas, co fin de mellorar as manobras nas mesmas.
Nas catro rotondas demoléronse os bordillos, baleirándose a zona da calzada para proceder a un reafirmado. Posteriormente, encheuse a zona de ampliación con macadán realizándose un fresado de tres centímetros de firme de mistura de bituminosa en quente.
Actuacións nos viais
No vial número catro do polígono, nunha superficie de 1.296 metros cadrados,
procedeuse a un fresado de firme con mistura de bituminosa en quente no tramo central da rúa. Posteriormente, estendeuse aglomerado en quente cun espesor de cinco centímetros.
As actuacións no vial tres consistiron nun fresado de firme con mistura de bituminosa en quente no tramo central da rúa e posterior estendido de aglomerado en quente con cinco centímetros de espesor.
O custe total da obra é de 88.414,93. As actuacións fináncianse con cargo ás axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Comments