O Concello de Melide outorga as Medallas de Ouro a Juan Curros, a Xesús Ferreiro e a Xavier Anido
- Laura Moure

- hace 9 horas
- 2 min de lectura
A acto de entrega celebrarase o 29 de xuño, Día de San Pedro
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide outorgará as Medallas de Ouro a Juan Carlos Curros Vázquez e ao equipo formado por Xesús Ferreiro Pérez e Xavier Anido Vázquez. A concesión foi acordada no pleno extraordinario celebrado o pasado venres a proposta da Corporación e aprobada por unanimidade.
PUBLICIDADE
As Medallas de Melide foron creadas no ano 2001 para distinguir a aquelas persoas e
institucións melidás ou mesmo descendentes de melidenses que contribuíran ou
contribúan a apoiar, traballar e divulgar o nome de Melide.
Segundo recolle a proposta aprobada, as medallas poden ser concedidas a título individual e a un organismo ou colectivo que polo seu labor desenvolvido en calquera das
facetas da actividade humana sexan merecedoras do recoñecemento da vila. O texto
sinala tamén que as traxectorias que son reflexo dunha actitude e traballo salientable
deben ser guía para futuras xeracións que queiran seguir engrandecendo a realidade de
Melide.

Juan Carlos Curros Vázquez, melidense e traballador do Concello de Melide desde hai
máis de 40 anos, recibirá a Medalla de Ouro polo seu labor como xefe de Protección Civil. A proposta destaca que leva realizando de maneira desinteresada esta función durante
catro décadas, entregándose persoalmente en cada unha das actividades nas que se require a presenza deste colectivo.

Pola súa banda, o equipo formado por Xesús Ferreiro Pérez e Xavier Anido Vázquez será
distinguido pola súa contribución á difusión do nome de Melide e polos seus éxitos
deportivos acadados a través da súa participación no mundo do rally a nivel nacional e
internacional.
PUBLICIDADE
As Medallas de Ouro serán entregadas durante un acto que se celebrará o 29 de xuño,
día de San Pedro, ás 12:00 horas na Casa do Concello. O alcalde de Melide, José Manuel
Pérez, traslada o agradecemento do Concello aos homenaxeados pola súa dedicación e
compromiso ao longo dos anos e asegura que “é unha satisfacción recoñecer a persoas
que, co seu traballo e dedicación, contribúen a apoiar e divulgar o nome de Melide”.








Comentarios