top of page

O Concello de Melide clausura con éxito os Campamentos de verán 2025

As nenas e nenos poñen o broche final a un verán cheo de aventuras, aprendizaxe e diversión


Laura Moure/Melide

O pasado venres, 8 de agosto, clausuráronse oficialmente os Campamentos de Verán 2025 organizados polo Concello de Melide, nun acto que contou coa presenza da concelleira de Cultura, Ana Mosteiro, quen destacou “o valor educativo, inclusivo e

comunitario” desta iniciativa que cada ano suma máis participantes. Foron sete intensas semanas nas que preto de 200 nenas e nenos de entre 4 e 12 anos gozaron dun completo programa de actividades lúdicas, deportivas, culturais e medioambientais.

ree

Baixo o lema “Un campamento de conto”, os campamentos desenvolveron propostas temáticas inspiradas en personaxes e historias clásicas e contemporáneas como Futbolísimos, Canastones, O Principiño, Tintín, Mowgly, Pocahontas ou Buscando a Wally. Cada semana foi unha nova aventura adaptada ás idades e necesidades dos diferentes grupos, promovendo sempre valores como a convivencia, o respecto e a creatividade.


Durante estas semanas, a cativada participou en obradoiros artísticos, xogos populares, rutas pola natureza, actividades deportivas e visitas culturais. Entre os momentos máis destacados desta edición cómpre lembrar: A visita á imprenta Meligraf, onde fixeron un taller de encadernación artesanal. O obradoiro de elaboración de xeados artesáns na xeadería Borboriño, onde coñeceron o proceso e ingredientes naturais. Un taller de repostaría tradicional na pastelería Estilo, no que prepararon doces típicos da zona. A visita didáctica á peixería Manolo, onde aprenderon a identificar especies de peixe e marisco, e a importancia do consumo responsable.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Estas actividades, desenvolvidas en colaboración coa Asociación de Empresarios Terra de Melide (ASETEM) e co apoio dos propios negocios participantes, tiveron como obxectivo achegar o comercio de proximidade á infancia, favorecendo unha experiencia didáctica e divertida que aproveita os recursos e saberes da vila para aprender dende o propio entorno.


Tamén se realizaron outras propostas que causaron grande entusiasmo entre a rapazada, como os xogos de auga, ideais para refrescarse e fomentar o traballo en equipo, e a visita á Cidade da Cultura, onde participaron nas exposicións interactivas Orixes e Mirar por Galicia, esta última centrada na figura de Castelao.


Ademais, houbo actividades deportivas con xogadores profesionais como Noel (Dreman Futsal) e Teo Gómez (Noia FS), un espectáculo de maxia co mago Jorge Lorenzo, a visita dos bombeiros de Arzúa e propostas medioambientais como a ruta da auga en Guitiriz ou a visita ao Centro Etnográfico de Teixeiro.


Os campamentos contaron, un ano máis, cunha forte aposta pola inclusión, garantindo a participación plena de nenas e nenos con necesidades específicas de apoio educativo, nomeadamente con Trastorno do Espectro Autista (TEA). Para iso, o Concello proporcionou recursos humanos especializados e actividades adaptadas en grupos reducidos.

Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O equipo de monitores e monitoras foi fundamental para o éxito desta edición, creando espazos seguros, dinámicos e afectivos que favorecen o desenvolvemento integral da infancia durante o período vacacional.


O Concello de Melide agradece a todas as familias a súa confianza e implicación, así como ao persoal técnico, entidades colaboradoras, negocios locais e ASETEM o seu compromiso para facer destes campamentos unha experiencia inesquecible. A organización xa traballa en novas propostas para o vindeiro verán, coa ilusión de seguir ofrecendo un servizo de calidade que combine conciliación, inclusión e diversión.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page