top of page

O Concello de Lalín inaugurou este sábado o local social de Carragoso-Trigueiriza

É unha nova infraestrutura destinada a impulsar a vida social e comunitaria desta zona periurbana da vila, practicamente integrada xa na trama urbana


Laura Moure/Lalín

O Concello de Lalín inaugurou este sábado o local social de Carragoso-Trigueiriza, unha nova infraestrutura destinada a impulsar a vida social e comunitaria desta zona periurbana da vila, practicamente integrada xa na trama urbana. No acto, presentado polo xornalista Gúmer Portas, participaron o alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias; a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez; a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas; o representante de Arco Arquitectura, Luis Fernández Fernández, que realizou unha explicación técnica da actuación; a empresa construtora, Taboada y Ramos, así como membros da Corporación municipal e numerosos veciños e veciñas. O cura párroco de Lalín, José Criado, bendiciu as instalacións.

O local social de Carragoso-Trigueiriza queda a disposición da veciñanza como un novo espazo polivalente situado preto de Lalín que vai ter moito uso, pensado para favorecer a convivencia e a participación nesta área da vila, que marcará un punto de inflexión importante desde o punto de vista urbanístico, cambiando a fisionomía desta zona, ao tempo que funcionará como espazo bisagra entre o casco e esta zona periurbana.

O alcalde destacou que “este local social é un exemplo da cooperación entre administracións” e destacou que “desde hoxe, Carragoso, Trigueiriza, A Corredoira e a contorna máis próxima van contar cun dos mellores locais sociais do termo municipal, amplo, funcional e eficiente, que contribuirá a dinamizar unha zona en crecemento do municipio”.


Neste sentido, o rexedor lembrou que a zona da Trigueiriza, situada no casco urbano de Lalín, experimentou unha notable mellora nos últimos anos tras a urbanización vinculada á implantación do Mercadona, que permitiu resolver importantes problemas de accesibilidade e de infraestruturas nesta área da vila.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Un compromiso cumprido coa veciñanza de Carragoso-Trigueiriza

Do mesmo xeito, sinalou que a construción deste local social responde tamén ao compromiso adquirido coas veciñas e veciños desta zona, dando así cumprimento a unha demanda histórica e materializando ademais un dos compromisos recollidos no programa electoral. Pediu aos veciños que coidaran este local social e que lle deran vida para cumprir os seus obxectivos. E felicitou a Arco Arquitectura polo deseño do proxecto e a Taboada pola execución da obra, que cumpriu o compromiso de tempo de tela rematada para as Festas das Dores.


Un equipamento polivalente

O local social de Carragoso-Trigueiriza foi concibido como un edificio polivalente que permitirá a organización de actividades veciñais, reunións, eventos culturais ou iniciativas comunitarias ao longo de todo o ano.


A instalación conta cun amplo espazo multiusos, escenario, cociña, aseos e zonas auxiliares, o que permitirá desenvolver diferentes propostas sociais e culturais.


Edificio sustentable

O edificio foi ademais deseñado seguindo criterios de eficiencia enerxética e sustentabilidade, incorporando sistemas de enerxía renovable e materiais que reducen o impacto ambiental da construción, así como materiais reciclables e reutilizables, contribuíndo de xeito notable á redución da pegada de carbono.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar con nós!
Preme na imaxe para contactar con nós!

Un proxecto financiado con colaboración institucional

A execución do local social de Carragoso-Trigueiriza contou cun investimento global superior aos 820.000 euros, financiado pola Deputación de Pontevedra a través do programa PON2030 e do Plan +Provincia 2024 (uns 560.000 euros) e pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas (cerca de 260.000 euros) e cunha achega municipal do Concello de Lalín (7.580 euros).

Esta colaboración entre administracións permitiu facer realidade unha infraestrutura moderna e eficiente ao servizo da veciñanza.


Un novo punto de encontro para a vida comunitaria

Coa apertura do local social de Carragoso-Trigueiriza, o Concello de Lalín continúa reforzando a rede de equipamentos sociais do municipio e respondendo ás necesidades da cidadanía, dinamizando unha área en crecemento da vila, consolidando Carragoso-Trigueiriza, A Corredoira e a súa contorna como un espazo activo de convivencia, participación e vida social.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page