O Concello de Arzúa pon en marcha “Bos Días Cole” para facilitar a conciliación das familias
- Laura Moure

- hace 1 día
- 2 min de lectura
O prazo de inscrición está aberto dende hoxe, 25 de agosto, ata 4 de setembro
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa, a través da Concellería de Xuventude e Infancia, porá en marcha o vindeiro 9 de setembro o servizo de mañanceiros “Bos Días Cole” no CEIP de Arzúa, co obxectivo de facilitar ás familias a conciliación da vida laboral e familiar antes do inicio da xornada lectiva.

O Concello dá así cumprimento ao compromiso adquirido coas ANPA de asumir desde o ámbito municipal un servizo que ata agora viña desenvolvendo a ANPA Xermolos, facendo que a súa organización e prestación pasen a depender directamente do Concello.
O servizo prestarase de 7:30 a 9:30 horas e permitirá que os nenos e nenas permanezan atendidos no centro educativo desde primeira hora da mañá, nun espazo seguro e adaptado ás súas necesidades.
PUBLICIDADE
“Queremos agradecer e poñer en valor o traballo que a ANPA Xermolos vén realizando durante estes anos para facilitar a conciliación das familias. O noso compromiso sempre foi que este servizo pasase a ser municipal, porque entendemos que unha necesidade destas características debe ter unha resposta desde o propio Concello. Agora damos cumprimento a ese compromiso asumindo a súa organización e prestación”, sinala o concelleiro de Xuventude e Infancia, Daniel Moscoso.
Acollida, actividades e almorzo
“Bos Días Cole” incluirá a acollida, recepción e vixilancia dos escolares desde a súa chegada ao centro e ata o inicio da xornada lectiva. Durante ese tempo desenvolveranse tamén xogos e actividades participativas e educativas, adaptadas ás diferentes idades e orientadas a fomentar hábitos saudables, a convivencia, a solidariedade, o respecto e a integración.
O servizo contará ademais con almorzo, cunha proposta variada e nutricionalmente equilibrada.
Un servizo flexible para as familias
As familias poderán facer uso de “Bos Días Cole” de maneira fixa ou esporádica, en función das súas necesidades.
PUBLICIDADE
A modalidade fixa mensual estará dirixida ás persoas usuarias que precisen o servizo todos os días lectivos do mes ou durante un número de días igual ou superior á metade dos días lectivos. A modalidade esporádica permitirá utilizalo en días soltos, con carácter xeral mediante aviso cun día de antelación.
O prazo de inscrición estará aberto do martes 25 de agosto ao venres 4 de setembro. O Concello celebrará ademais o luns 7 de setembro unha reunión informativa coas familias e coa empresa responsable da prestación do servizo, antes da súa posta en marcha o mércores 9 de setembro.








Comentarios