Esta actividade está, especialmente, destinada ao alumnado dos centros educativos do municipio e aos usuarios da Residencia San José
Laura Moure/Arzúa
Con motivo do Día Internacional do Turismo, o Concello de Arzúa organiza un tren turístico que percorrerá os principais puntos de interese da vila e a contorna. Esta actividade está, especialmente, destinada ao alumnado dos centros educativos do municipio e aos usuarios da Residencia San José. Para organizar esta actividade a concelleira de Turismo, Begoña Balado, reuniuse con: Cruz Leiva, directora do CEIP Arzúa, Ángeles Santa Marta, responsable do Colexio Nosa Señora do Rosario e Concepción Freire, directora da Residencia San José. Nesta xuntanza fíxose fincapé na necesidade de que cativos e maiores coñezan o patrimonio e cultura do seu entorno.

O xoves 26 e venres 27 pola mañá:
O alumnado do Colexio Nosa Señora do Rosario e do CEIP de Arzúa coñecerán a riqueza cultural e paisaxística da vila a través dunha viaxe en tren turístico que permitirá achegar as raíces e tesouros de Arzúa a esta parte da veciñanza. Esta actividade realizarase en horario de mañá. O xoves 26 pola tarde será a quenda para os usuarios e usuarias da Residencia San José que pasarán unha tarde de ledicia visitando puntos de interese como Castro Curbín.
O venres pola tarde:
A partir das 16:00 horas e cunha frecuencia dunha hora o tren turístico estará dispoñible para a veciñanza que desexe participar nesta iniciativa turística. Esta actividade é de balde e ten o punto de saída no Multiusos Terra do Queixo.
Para guiar esta viaxe turística, Arzúa conta con Xan Veiga, actor e Arzúan do ano que ofrecerá interesantes anécdotas sobre a historia e o patrimonio do municipio.
Publicidade
A concelleira de Turismo de Arzúa, a socialista Begoña Balado, destaca que “celebrar o Día Internacional do Turismo con esta iniciativa é unha forma de poñer en valor o noso territorio e o que representa Arzúa, promovendo o coñecemento do noso patrimonio tanto entre os veciños como entre os visitantes. O tren turístico será unha forma divertida e educativa e redescubrir a nosa contorna, e contar coa presenza de Xan Veiga é un privilexio que fará deste percorrido algo especial”.
Comments