O Concello de Agolada organiza un campamento durante xullo e agosto para nenos de catro a 12 anos
- Laura Moure
- 1 jun 2022
- 2 Min. de lectura
O prazo para anotarse será do 1 ao 20 de xuño incluídos e terán prioridade os empadronados no municipio
Laura Moure/Agolada
O Concello de Agolada organiza un campamento de verán que terá lugar por quincenas en xullo e agosto cun máximo de 20 cativos en cada unha delas. A iniciativa está dirixida a nenos de catro a 12 anos. As sesións serán de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas a cargo da empresa Enrédate.
A primeira quincena será do 4 ao 15 de xullo; a segunda, do 18 ao 29, agás o día 25 por ser festivo; a terceira do 1 ao 12 de agosto e a última, do 16 ao 26 de agosto. E para que se imparta o campamento en cada quincena, ten que haber como mínimo a metade das prazas ofertadas.

O prazo para anotarse será do 1 ao 20 de xuño incluídos e terán preferencia os
empadroados no municipio e despois terase en conta a orde de inscrición. Esta farase por rexistro de entrada no Concello de maneira presencial, de luns a venres de 9:00 a 14:30 horas, ou a través da sede electrónica do Concello (https://agolada.sedelectronica.gal/ ) Tanto nas redes sociais coma na web colgarase o formulario e documentación que se debe entregar. Non se admitirán as solicitudes por correo electrónico nin fóra de prazo.
Prezos
Unha parte da totalidade do prezo do campamento será asumirá polo Concello, pero outra ten que ser abonada polos participantes. Desta maneira, os empadroados no municipio de Agolada pagarán por cada quincena 25 euros, en caso do segundo irmán, este pagará 15 e para os seguintes, será gratuíto. Mentres, para os non empadroados neste concello o prezo será de 35 euros por cativo por cada quincena. O ingreso deberá facerse unha vez que se lles comuniquen que son admitidos e xa se lle achegará o número de conta.
Actividades complementarias
Este ano como novidade, ademais da realización das actividades propias do campamento, os participantes poderán desfrutar doutras complementarias e que están incluídas no prezo de cada quincena. Entre estas destacan unha festa da bicicleta e unha ruta hípica. E ademais, cun prezo a maiores do que custa o campamento, a empresa oferta unha acampada de fin de semana que inclúe actividades no medio natural durmindo en tendas de campaña e tamén unha excursión final.
Komentar