top of page

O comunicador Marcial Mouzo será o pregoeiro da 32ª Festa do Melindre de Melide

O pregón que terá lugar o domingo 12 de maio ás 12 horas na Praza do Convento


Laura Moure/Melide

O popular presentador e director do programa “Pensando en ti” da Radio Galega, en antena desde 1996, será tamén nomeado embaixador da festa do melindre e da repostaría tradicional. Dará o pregón que terá lugar o domingo 12 de maio ás 12 horas na Praza do Convento de Melide. Marcial Mouzo Vidal naceu en Camariñas en 1961. Empezou no mundo da comunicación na Radio Galega, emisora na que permanece desde 1985 dirixindo e presentando programas de todo tipo: musicais como “Grandes Orquestras”, “Música da terra” ou “A Gramola”, cos que empezou a súa relación co micrófono; o magazín “De troula” os sábados ou programas-espertador de moito éxito como “Bo día Galicia”, “Alborada” ou “Connosco”, cos que conseguiu importantes recoñecementos por parte dos seus oíntes, que lle fixeron multitudinarias homenaxes en varias ocasións.

Tamén os artistas galegos recoñeceron o seu traballo diante do micrófono cunha homenaxe en Portonovo no ano 1991 polo seu apoio a música de Galicia. No ano 1992 foron os mariñeiros os que valoraron noutra homenaxe a súa dedicación radiofónica a este sector. Nese mesmo ano recibía o Premio Galicia hoxe, de Radio Colonia (emisora que emite para a colectividade galega en Arxentina e Uruguai) polo seu apoio aos emigrantes galegos.


O seu gran éxito chegaría co programa “PENSANDO EN TI”, que dirixe e presenta na actualidade. Este popular programa que se emite de 1 a 6 da madrugada, leva en antena desde o ano 1996 conseguindo grandes cotas de audiencia e sendo líder na súa banda horaria.


Publicidade

En 2003 recibiu o Premio Galicia de Comunicación en Radio outorgado pola Secretaría Xeral de Medios de Comunicación da Xunta de Galicia por converter o programa Pensando en ti nun fenómeno social. Pensando en ti reúne cada noite a milleiros de persoas que traballan, que non queren ou non poden durmir por distintos motivos e que atopan no programa a compaña que precisan para levar con ánimo esas horas intempestivas da madrugada. A través das ondas da Radio Galega, os oíntes comparten nun ton distendido, experiencias persoais e opinións sobre todo tipo de temas que van xurdindo ó longo da noite, fomentan a amizade entre eles e axúdanse mutuamente cando é preciso. É un punto de encontro para moitas persoas, un foro de debate permanente e un servizo público que o converte en algo mais que un programa de radio.


Servizo público

O ton distendido que se utiliza habitualmente no programa, desaparece cando manda a actualidade. Nese momento os oíntes convértense en correspondentes improvisados dando conta do que sucede nas noites de Galicia convertendo o programa nun referente para os demais medios de comunicación pola cantidade de primicias que dan os condutores dende as estradas, informando sobre accidentes que se acababan de producir. O mesmo pasa cos mariñeiros que tamén están en comunicación dende os barcos. Os oíntes teñen a seguridade de que cando algo pasa nas noites de Galicia cóntase no programa porque sempre manda o servicio público da radio para facilitarlle as cousas as persoas que poidan ter algunha dificultade. Así se fixo, por exemplo, na famosa noite dos terremotos no ano 1999 e en moitas noites de temporal e de problemas serios nas estradas ou no mar. Un bo exemplo foi a noite na que caeu a Ponte das Pías en Ferrol cando no programa se estaba informando do sucedido, incluso antes de que caera a ponte, evitando así accidentes de tráfico e outras consecuencias.


Solidariedade

Cando é preciso, os oíntes sensibilízanse co nome do programa e aportan a súa colaboración solidaria naqueles casos nos que alguén precisa da súa axuda. Froito desta solidariedade fixéronse varias campañas, algunhas delas con moita repercusión mediática, como a que se fixo con Cuba tralo paso do furacán Michelle. Naquela ocasión mobilizouse a audiencia de toda Galicia durante dous meses para conseguir toneladas de axuda humanitaria para Cuba (especialmente medicamentos). Parte desa axuda foi levada persoalmente por máis de cen oíntes que acompañaron a Marcial Mouzo nunha viaxe moi emotiva ata o país caribeño. O resto do material foille entregado ao cónsul de Cuba para o seu posterior traslado a aquel país.

Publicidade

Acompañamento

Un dos obxectivos do programa é acompañar a milleiros de persoas nas longas noites de soidade nestes tempos nos que cada vez hai máis xente vivindo e morrendo soa.


Premios e recoñecementos

1991

• Homenaxe dos Músicos e Artistas de Galicia polo apoio á Música Galega Lugar: Portonovo (Pontevedra). Data: 08 de xuño de 1991


1992

• Homenaxe da xente do mar polo seu apoio e dedicación a este sector. Lugar: Marín (Pontevedra). Data: 02 de maio de 1992

• Premio especial “Galicia hoxe” de Radio Colonia Arxentina) polo seu apoio aos emigrantes galegos na República Arxentina. Lugar: Buenos Aires. Data: 29 de novembro de 1992


1998

• Diploma e mención de mérito da Unión Telefónica Sindical pola defensa dos Oficiais

Radioelectrónicos da Mariña Mercante, as Radio Costeiras e a seguridade da vida humana

no mar. Lugar: Bámio, Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). Data: 31 de maio de 1998


2002

• Premio da Fundación ONCE Galicia á solidariedade en radio. Lugar: A Coruña. Data: 1 de marzo de 2002


2003

• Premio Galicia de Comunicación en Xornalismo radiofónico 2003 por converter o programa Pensando en ti nun fenómeno social. Lugar: Xunta de Galicia, San Caetano, Santiago de Compostela. Data: 23 xaneiro de 2004


2023

• Premio Solidario Grupo Social ONCE na categoría de Comunicación. Lugar: Teatro Colón, A Coruña. Data: 5 de outubro de 2023

• Camariñán de Honra. Lugar: Camariñas. Data: 15 de xullo de 2023

• Premio “Rogelia Mariña” UXT, polo seu compromiso coa comunicación Asociacións Profesionais. Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Colexiado número 17.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page