top of page

O CIS de Lalín e o ambulatorio de Agolada colaboran no ensaio clínico denominado Sincigal

Participan 147 centros de saúde galegos e o obxectivo é comprobar a efectividade da vacina fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS)


Laura Moure/Deza

Un total de 147 centros de saúde das sete áreas sanitarias galegas xa están a colaborar no desenvolvemento do o ensaio clínico denominado Sincigal, no cal se convida a participar máis de 900.000 galegos maiores de 60 anos co fin de comprobar a efectividade da vacina fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS). Das comarcas lévase a cabo no CIS de Lalín e no ambulatorio de Agolada.


Esta iniciativa parte da Consellería de Sanidade e de investigadores da Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). Na primeira fase están a participar 43 centros de saúde da área da Coruña e Cee, 8 de Ferrol, 20 de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, 35 de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, 9 de Vigo, 20 de Pontevedra e O Salnés e 12 de Santiago de Compostela e Barbanza. Progresivamente sumaranse novos centros.

Centro de sáude de Agolada. Autor: Ecos da Comarca.
Centro de sáude de Agolada. Autor: Ecos da Comarca.

No estudo, ofrécese aos galegos a partir de 60 anos a oportunidade de vacinarse con Abrysvo®, vacina xa aprobada polas autoridades sanitarias para previr o VRS, e coa que o estudo Sincigal pretende demostrar na práctica a redución de ingresos hospitalarios na poboación galega.


Polo tanto, xa se están a enviar sms para convidar a participar. Ademais, cando calquera persoa maior de 60 anos acuda ás súas citas de vacinación fronte á gripe e/ou á covid ou en calquera asistencia sanitaria nos centros de atención primaria ou hospitais asociados ao ensaio clínico, recibirá información sobre o estudo Sincigal e ten a posibilidade de decidir, de maneira voluntaria, se quere participar.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Posteriormente, ampliarase o estudo a maiores de 18 anos con condicións de risco.


Posibilidade de vacinación

No caso de aceptar participar, terá un 50 % de posibilidades de recibir a vacina obxecto de estudo ou non, isto verá determinado polo azar a través dunha plataforma informática.

Desta forma, poderá comprobarse as diferenzas entre as persoas vacinadas e non vacinadas fronte a un virus que, na maioría dos casos, provoca síntomas leves similares a un arrefriado pero que en adultos de idade avanzada ou persoas con patoloxías crónicas pode causar problemas pulmonares graves.


No caso de ser asignado ao grupo de vacinación procederase á administración da vacina durante esa mesma asistencia sanitaria ou nunha quenda posterior, como prefira o participante. Como acontece con todas as demais vacinas, verificarase que non existan contraindicacións para a vacinación.

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

No caso de ser asignado ao grupo que non reciba a vacina, non se realizará ningún procedemento adicional asociado á participación no estudo.


O estudo non implica acudir a ningún seguimento clínico, xa que se obterá a información necesaria da historia clínica de cada paciente para realizar o seguimento de eficacia e seguridade, polo que non será necesario contactar de novo co participante.


Para máis información sobre o estudo ou resolver calquera dúbida, pódese contactar co centro de atención informativa chamando ao teléfono gratuíto 900 842 21 ou consultar a páxina web habilitada. Desta forma, este novo ensaio clínico Sincigal contribuirá a decidir con rigor científico quen debe vacinarse fronte ao VRS e cando.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page