O centro que COGAMI ten en Medelo, Silleda, busca persoas voluntarias que colaboren coa entidade
- Laura Moure

- 14 mar 2022
- 2 min de lectura
Como requisitos para facer voluntariado neste centro piden responsabilidade, compromiso e actitude positiva
Laura Moure/Silleda
O centro de recursos que COGAMI ten en Medelo (Silleda) ábrelle ás portas ao
voluntariado, por iso lanzan unha campaña na que buscan persoas voluntarias que queiran
participar e colaborar nas actividades que se desenvolven para mellorarlles a calidade de vida ás 25 persoas que acoden ao centro de luns a venres. Para poder facer voluntariado en Medelo, dende o centro piden que a persoa sexa responsable, comprometida e con actitude positiva. Esta persoa deberá ofrecer parte do seu tempo libre e tamén coñecementos e, a cambio, obterá a oportunidade de coñecer a un equipo humano que ofrecerá máis do que recibe.

As actividades nas que se pode colaborar son variadas como informática, deporte, lecer,
lectoescritura, educación social, obradoiros de cestería, coiro, tecidos ou cerámica, horta,
teatro, terapia ocupacional e tamén se poden ampliar aos coñecementos que poida compartir a persoa voluntaria. De maneira puntual ou continuada, ser unha persoa voluntaria en Medelo significa compartir experiencias, traballar en equipo e medrar en compaña. Para as persoas interesadas poden contactar co centro no mail crd.silleda@cogami.gal ou chamando aos teléfonos 986 581 387 / 663 940 759.
O centro de Medelo
É un centro de día e ocupacional ao que acoden de luns a venres, en horario de 10 a 17 horas, un total de 27 persoas usuarias dos concellos de A Estrada, Cuntis, Forcarei, Silleda, Vedra e Vila de Cruces.
Neste centro préstanse apoios para cubrir as necesidades das persoas con discapacidade e familias, mellorándolles a autonomía e a calidade de vida a través de programas de rehabilitación, educación básica, obradoiros de artesanía e formativos, actividades de lecer, deportivas e culturais, ademais de transporte adaptado e servizo de comedor.
Un equipo formado por 20 profesionais encárgase de valorar as necesidades de cada unha das persoas usuarias e, segundo estas, deséñase un plan de atención individualizado adecuado aos programas e servizos do centro.







Comentarios