O centro de Cogami en Medelo recibe a visita do alumnado do centro de formación Fortec
- Laura Moure

- hace 6 horas
- 1 Min. de lectura
Laura Moure/Silleda
Un grupo formado por 27 estudantes e 2 profesionais do centro de formación Fortec de Silleda, visitou as instalacións do centro de atención diúrna que COGAMI ten en Medelo para compartir unha xornada de convivencia coas persoas usuarias e coñecer o funcionamento dos seus servizos.

Durante a mañá, o alumnado que cursa o Certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais puido percorrer as instalacións do centro e coñecer in situ o desenvolvemento dos diferentes obradoiros e actividades que se levan a cabo no día a día.
PUBLICIDADE
O centro de atención diúrna de Medelo acolle cada semana a 30 persoas con discapacidade, que acoden de luns a venres en horario de mañá e tarde. Neste recurso reciben apoios personalizados orientados a mellorar a súa autonomía persoal e a favorecer o seu benestar e o das súas familias.
Entre os servizos que se ofrecen inclúense programas rehabilitadores como ximnasia de mantemento, fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional e apoio psicolóxico. Ademais, o centro desenvolve actividades de alfabetización, educación ambiental, informática e obradoiros prelaborais (tecido, coiro, cestería, scrapbooking e macramé), así como iniciativas de promoción das habilidades sociais e actividades deportivas e de lecer.
PUBLICIDADE
Un equipo formado por 14 profesionais é o encargado de desenvolver estes obradoiros e acompañar ás persoas usuarias no seu proceso de atención integral, favorecendo a súa autonomía persoal e a súa participación activa na contorna.








Comentarios