O Casino de Lalín acollerá o 30 de outubro un concerto do dúo Cora
Laura Moure/Lalín
O dúo CORA dará un concerto o próximo venres 30 de outubro, dentro da súa xira El cuarto dorado tour na cafetería do Casino de Lalín. Este será o primeiro dunha serie de eventos que terán lugar na cafetería durante os meses de novembro e decembro. A entrada é inversa, cadaquén aporta o que considere, e de balde para persoas socias.

O dúo musical CORA (@cora.rusty) continúa expandindo o éxito do seu El cuarto dorado tour. O próximo venres 30 de outubro, a banda galega ofrecerá un concerto na cafetería do Casino, onde o público poderá gozar dunha proposta sonora única que fusiona a vangarda musical coas raíces galegas.
PUBLICIDADE
Despois do lanzamento do seu primeiro traballo discográfico de longa duración, El cuarto dorado, Cora e Carlos situáronse como unha das revelacións máis interesantes da escena musical actual grazas ao seu particular estilo, autodefinido como ”ultrapop”. Cun repertorio que inclúe dende os seus enérxicos singles de presentación como Ojos nuevos ata composicións conceptualmente rechamantes como a súa propia versión do clásico pasodoble Suspiros de España, a banda ofrecerá unha noite diferente, chea de boa música e mellor ambiente.
PUBLICIDADE
Esta cita musical servirá, ademais, como antesala dunha axenda diversa que se estenderá ao longo dos meses de novembro e decembro. Desta maneira, a cafetería do Casino continuará coa súa programación cultural e de actividades, consolidándose como un punto de encontro de referencia para o lecer, a arte e o dinamismo local.









Comentarios