O cartel da XIV Emporcarte de Lalín é autoría de Paío feito a partir dunha obra de Monique Van Steen
- Laura Moure

- hace 7 horas
- 3 Min. de lectura
O prazo para inscribirse nesta primeira edición de participación libre, pechouse o pasado 10 de xaneiro con preto de 50 confirmacións rexistradas no Museo
Laura Moure/Lalín
A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, presentou o cartel da exposición colectiva emporcARTE, que será inaugurada o 14 de febreiro ás 13 horas no Museo Ramón María Aller Ulloa. Esta mostra supón a XIV edición deste proxecto, que inclúe no programa a tradicional Ofrenda ao porco, co acompañamento de Plácido Rozas, e o Cocido das Artes.
O deseño do cartel é obra de Paío. Trátase dunha montaxe dixital coa obra de Monique van Steen “Emporquémonos”, exposta no IV emporcARTE, unha imaxe que xa figuraba no cartel de 2015, coincidindo tamén co 14 de febreiro. Así, Paío quixo empregar o lema “Dígallo con Grelos”, ao coincidir a inauguración da exposición coa data de San Valentín.

En canto á participación de artistas, xa están confirmados ao redor de 50 nomes, entre os que se encontran creadores xa habituais da cita, con ampla traxectoria e recoñecemento na plástica actual, xunto con persoas que participan por primeira vez na exposición, artistas noveis ou artistas locais que será a primeira vez que expoñan no emporcARTE.
Cómpre recordar que este ano por primeira vez a mostra é aberta. As persoas que manifestaron interese en participar, deberán achegar a obra ao Museo co prazo máximo ata o 10 de febreiro. A temática deberá ter algunha relación coa Feira do Cocido, entendida dun xeito amplo e creativo.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

As obras exporanse na emporcARTE-Lalín 2026, sábado de Entroido, e poderán verse ata o 18 de abril polo que convivirá con “Antón Sobral: o silencio da mar”, exposición central da 58ª Feira do Cocido que estará aberta ata o 28 de marzo.
A emporcARTE vai destacar por variedade estilística, de técnicas e de formatos está asegurada. No Museo xa comezaron a recepcionar as primeiras obras, na que xa se dá conta desta diversidade, ao entrar pintura sobre lenzo, fotografía, escultura ou técnicas mixtas, todas propostas relacionadas coa Feira do Cocido e xa algunha delas co porco como protagonista, non tendo límites a capacidade e o enxeño dos artífices para continuar reinterpretando ao rei do cocido.
Publicidade
A mostra será presidida polo colorido lenzo de Barreiro, que realizou con motivo do cartel da 58ª Feira do Cocido, e que será acompañado por novas creacións do fantástico elenco de cartelistas da Feira do Cocido.
A exposición poderá visitarse ata o 18 de abril, decidíndose prorrogar a súa duración pola gran expectación que levanta o proxecto entre o público, sendo de gran interese tanto para visitantes como para centros educativos.
Publicidade
O cartel de artistas xa está pechado e a listaxe completa será anunciada a partir do 10 de febreiro, pero aínda é posible apuntarse para o Cocido das Artes, xantar de confraternización entre artistas, galeristas e persoas do mundo da cultura. As persoas interesadas, poden apuntarse no Museo Ramón Mª Aller, presencialmente, por teléfono ou no correo electrónico (restaurante Modesto, 35 euros).
Cómpre indicar que a participación na emporcARTE non é remunerada, pero inclúe certificado, difusión nas canles municipais e presenza no catálogo dixital da exposición. As bases completas da convocatoria estarán dispoñibles na web do Concello de Lalín.








Comentarios