O camposanto “Fraga do Alén” de Lalín, finalista en 2 categorías do X Concurso de Cemiterios de España
- Laura Moure

- 20 jul
- 4 min de lectura
Este espazo compite con Alcalá de Henares e Felanitx (Mallorca) na categoría de Mellor Cemiterio 2026 e xunto a Alcalá de Henares e Bilbao-Biscaia na categoría Natureza Viva
Laura Moure/Lalín
O Cemiterio da Romea “Fraga do Alén” de Lalín vén de ser seleccionado como finalista do “X Concurso de Cemiterios de España 2026” en dúas das catro categorías deste certame nacional, concretamente nas modalidades de Premio ao Mellor Cemiterio e de Premio Natureza Viva. O Concello de Lalín presentou a súa candidatura co proxecto de ampliación do Cemiterio da Romea “Fraga do Alén”, desenvolvido por Promove Arquitectura en colaboración con LaND30 na parte paisaxística, que define o cemiterio como un espazo integrado na natureza, aberto á cidadanía e plenamente conectado coa paisaxe.
O concurso está organizado por Enalta, unha das compañías de referencia na prestación e xestión integral de servizos funerarios en España e filial do Grupo MAPFRE, que busca poñer en valor a riqueza histórica, artística e natural destes espazos, considerados cada vez como elementos clave da identidade e historia de cidades e municipios.
A candidatura da Romea foi preseleccionada por un xurado integrado por especialistas nas materias relacionadas coas propostas presentadas. Segundo establecen as bases do concurso, unha vez pechado o prazo de inscrición, este xurado profesional avalía as candidaturas conforme aos criterios específicos fixados para cada unha das categorías e escolle as que pasan á fase definitiva de votación popular.
A presenza de Fraga do Alén entre os finalistas constitúe un importante recoñecemento nacional a un proxecto pioneiro que transforma o concepto tradicional de cemiterio nun espazo de memoria, natureza, cultura e encontro.

O alcalde de Lalín, José Crespo, amosa a satisfacción do Goberno municipal por este recoñecemento: “Ser finalistas en dúas categorías dun concurso de ámbito nacional confirma a singularidade e a calidade dun proxecto que naceu para dar resposta ás necesidades do noso cemiterio, pero que foi moito máis alá ao crear un espazo innovador, respectuoso coa memoria e plenamente integrado na natureza. Un proxecto que crea un parque funerario aberto á cidadanía que estableza unha nova relación entre paisaxe, comunidade e recordo”.
“Queda aínda un treito importante ata a elección final e, a partir de agora, o apoio popular será fundamental. Por iso, animamos a toda a veciñanza e a todas as persoas que valoran este proxecto a participar na votación e contribuír a que a Fraga do Alén acade este recoñecemento”, sinala Crespo.
Votación popular ata o 31 de agosto
Xa está aberta a fase de votación popular e permanecerá aberta ata o 31 de agosto ás 23:59 horas. Para apoiar a candidatura do Cemiterio da Romea hai que acceder á páxina do X Concurso de Cemiterios de España, dentro da web de Enalta, seleccionar a candidatura de Fraga do Alén nas categorías de Mellor Cemiterio 2026 e Natureza Viva, introducir un enderezo electrónico válido e confirmar o voto. Só se admite un voto por persoa, para garantir a seguridade e a transparencia do proceso.
PUBLICIDADE
A páxina habilitada pola organización é: www.enalta.es/concurso-cementerios
Na categoría de Mellor Cemiterio 2026, Fraga do Alén compite con outras candidaturas procedentes da Comunidade de Madrid (Cemiterio Xardín de Alcalá de Henares) e das Illas Baleares (Cemiterio Municipal de Felanitx). Na categoría de Natureza Viva, concorre igualmente xunto con outros proxectos de Madrid (Cemiterio Xardín de Alcalá de Henares) e de País Vasco (Cemiterio de Bilbao-Biscaia) que destacan pola integración da natureza, a sustentabilidade e o impacto ambiental positivo nos seus respectivos cemiterios.
Que se premia en cada categoría
O Premio Mellor Cemiterio 2026 recoñece aqueles recintos funerarios cun patrimonio histórico, artístico ou natural relevante que conciben ese legado como unha herdanza viva. Valórase especialmente que conecten historia e comunidade e que convertan a memoria nunha base para construír identidade e futuro.
Pola súa banda, o Premio Natureza Viva distingue iniciativas que melloran e coidan o ámbito natural do cemiterio, transformándoo nun espazo que achega vida e beneficios á comunidade. Prémiase a protección do ambiente, a sustentabilidade, a biodiversidade e a integración entre natureza e memoria.
As outras dúas modalidades do certame son o Premio Mellor Peza Artística, destinado a obras de valor patrimonial e social que converten unha vida en legado visible, e o Premio Mellor Historia, que recoñece relatos auténticos capaces de manter viva a pegada dunha persoa ou dunha comunidade.
Fallo e entrega dos premios
Os resultados da votación popular coñeceranse durante o acto de entrega dos premios, previsto para o 30 de setembro de 2026, segundo as bases do concurso. Nesa cerimonia anunciaranse en directo os gañadores e os clasificados en segundo e terceiro lugar das catro categorías: Mellor Cemiterio, Mellor Peza Artística, Mellor Historia e Natureza Viva.
As bases establecen que os gañadores deberán acudir presencialmente ao acto. O premio ao Mellor Cemiterio 2026 está dotado con 3.000 euros, mentres que o de Natureza Viva conta cunha dotación de 1.500 euros. Os segundos e terceiros clasificados recibirán tamén un recoñecemento oficial.
Unha nova forma de entender os espazos funerarios
Na candidatura presentada polo Concello de Lalín a este premio nacional explícase que a Fraga do Alén supón unha nova maneira de concibir os espazos funerarios. A ampliación do Cemiterio da Romea difumina os límites entre cemiterio e bosque para crear unha paisaxe viva na que conviven natureza, memoria e comunidade. A intervención adáptase á topografía e á vexetación existentes, preserva a identidade do lugar e establece unha continuidade entre o antigo cemiterio e os novos ámbitos.
PUBLICIDADE
O proxecto recupera e reinterpreta elementos preexistentes, como a capela, á que devolve protagonismo mediante un novo acceso monumental. Ao mesmo tempo, incorpora un parque de entrada, percorridos entre zonas arboradas, espazos de estancia e contemplación e o estanque-escenario Xela Arias, dotado dun pequeno auditorio integrado na topografía para acoller actos conmemorativos e actividades culturais compatibles co carácter do recinto.
A súa dimensión ambiental constitúe outro dos elementos centrais. A actuación integra 13.509 metros cadrados de superficie vexetal, conserva e incorpora especies autóctonas, crea pradeiras naturalizadas e refuxios para polinizadores e favorece a continuidade ecolóxica coa fraga. Ademais, conta cun sistema de aproveitamento da auga, rega intelixente e produción fotovoltaica que permite alcanzar unha alta autosuficiencia enerxética e evitar anualmente 4,93 toneladas de CO?, un beneficio equivalente á capacidade de absorción de 57 árbores.
En definitiva, Fraga do Alén demostra que un cemiterio pode ser moito máis ca un lugar de enterramento: pode converterse nun espazo de memoria, cultura e encontro. Un proxecto que sitúa a Lalín como referente na renovación dos espazos funerarios desde unha perspectiva patrimonial, ambiental e humana.








Comentarios