Dobre premio nacional para o cemiterio de Lalín Fraga do Alén
Recibiu dous recoñecementos no X Concurso de Cemiterios de España 2026
Laura Moure/Lalín
O cemiterio municipal Fraga do Alén de Lalín foi recoñecido este mércores como mellor camposanto de España ao conseguir os dous primeiros premios nas categorías ás que concorría no X Concurso de Cemiterios de España 2026, concretamente nas modalidades de Premio ao Mellor Cemiterio e de Premio Natureza Viva, promovido polo Grupo Enalta.
As representantes municipais Paz Pérez e Carmen Canda recolleron onte en Madrid os dous galardóns, despois de que o cemiterio lalinense se impuxese nas categorías de Mellor Cemiterio e Natureza Viva.

Os premios outorgáronse mediante votación popular a través de internet, na que o camposanto de Lalín competiu con candidaturas de diferentes puntos do Estado, entre elas as de cidades como Bilbao, Alcalá de Henares ou Felanitx.
PUBLICIDADE
Desde o Concello de Lalín destacan o papel da veciñanza neste recoñecemento, agradecendo a todas as persoas que participaron na votación e contribuíron a difundir a candidatura do camposanto lalinense.
O Concello tamén puxo en valor o traballo das empresas PROMOVE e LaND30, responsables do deseño e desenvolvemento da ampliación do cemiterio, nun proxecto que combina integración paisaxística, respecto polo contorno e unha concepción arquitectónica contemporánea.
PUBLICIDADE
Con estes dous galardóns, Fraga do Alén sitúase como un dos cemiterios de referencia a nivel nacional, converténdose ademais nun novo escaparate para Lalín e para o patrimonio municipal.
NOTICIA RELACIONADA:
O camposanto “Fraga do Alén” de Lalín, finalista en 2 categorías do X Concurso de Cemiterios de España: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-camposanto-fraga-do-al%C3%A9n-de-lal%C3%ADn-finalista-en-2-categor%C3%ADas-do-x-concurso-de-cemiterios-de-espa









Comentarios