top of page

"Manda Ovos"

hace 2 horas
2 min de lectura

Ecos da Comarca/Agolada

Hoxe a actualidade lévanos directamente a Agolada, un concello no corazón de Galicia onde acaba de saír a exposición pública un proxecto que debería facernos reflexionar a todos con moita calma. Falamos da instalación dunha macrogranxa deseñada para albergar a máis de trescentas sesenta e cinco mil galiñas. Podería parecer unha explotación máis das que estamos afeitos a ver, pero os datos dinnos que estamos ante algo moi diferente e moito máis preocupante. Imos analizalo con cifras, porque é a mellor maneira de entender a magnitude do que se propón.

O primeiro que chama a atención é o consumo hídrico. Imaxinade o que supón tal cantidade de animais nun concello como Agolada, especialmente agora que a Xunta acaba de declaralo oficialmente como un dos setenta e catro concellos galegos en situación de seca prolongada. Nun lugar onde a auga xa empeza a escasear, esta macrogranxa tería un consumo diario de case cento dez mil litros de auga, sen contar sequera o que precisen os edificios anexos. Para que teñades unha referencia clara, se unha persoa consome de media uns cento vinte e oito litros ao día, esta granxa equivale a meter en Agolada a oitocentas cincuenta e sete persoas novas dun día para outro. Ten algún sentido lóxico tensionar desta maneira os recursos hídricos cando as estatísticas e a nosa propia experiencia din que camiñamos cara a secas cada vez máis duras?

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Por outro lado, non podemos esquecer os residuos. Unha instalación deste tipo xera unha cantidade inxente de refugallos que, tarde ou cedo, acaban filtrándose aos acuíferos. Só hai que mirar o desastre ambiental do encoro de Portodemouros. O seu nivel de eutrofización é gravísimo, e gran parte dese problema chega a través do río Arnego, que na súa parte alta sofre a presión das ganderías industriais das Terras de Deza, moitas delas sen base territorial suficiente para xestionar tanta carga animal. E o máis curioso é que, despois de crear o problema, veñen vendernos a solución coas plantas de biogás ou biometano.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Temos que entender que este modelo de rural é totalmente errado. Non fixa poboación, porque en moitos casos nin os propios propietarios viven na zona. Se queredes ver o futuro deste modelo, só hai que mirar o que pasa a cen quilómetros de aquí, na Limia e no encoro das Conchas. Alí xa saben moi ben o que ocorre cando se extenúa o territorio. E non son contos, hai unha sentenza firme contra a Xunta e a Confederación Miño-Sil pola súa inacción ante a contaminación da gandería intensiva. Queda apenas un mes para presentar alegacións e decidir que futuro queremos. Ti es dos que se conforma cunha xema de ovo ou dos que defende que outro modelo é posible para a nosa terra?

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page