top of page

O BNG reclama máis persoal para axilizar a xustiza en Deza

hace 4 minutos
3 min de lectura

O Tribunal de Instancia de Lalín pechou 2025 con 1.264 asuntos pendentes, un 14,5 % máis que o ano anterior, mentres as executorias sen resolver continúan aumentando


Ecos da Comarca/Deza

O BNG, a través da deputada Ariadna Fernández, levará ao Parlamento Galego a situación do Tribunal de Instancia de Lalín para reclamar á Xunta de Galicia os reforzos de persoal necesarios para mellorar o funcionamento da Administración de Xustiza e reducir os atrasos que afectan á cidadanía da comarca de Deza.

A iniciativa parlamentaria toma como referencia os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) correspondentes ao exercicio 2025, que evidencian un incremento da pendencia xudicial no partido xudicial de Lalín. "Ao longo do ano ingresaron 3.105 asuntos, dos que 2.171 corresponden á xurisdición civil e 934 á penal, mentres que se

resolveron 2.944. Esta diferenza provocou que os asuntos en trámite ao remate do exercicio ascendesen a 1.264, un 14,5 % máis que en 2024, incremento que na

xurisdición civil chegou ao 16,9 %. A situación resulta especialmente preocupante na fase de execución das resolucións xudiciais. Ao peche de 2025 permanecían en trámite 1.883

executorias, das cales 1.818 eran civís. Ademais, fronte ás 677 novas executorias

rexistradas durante o ano, só se resolveron 346. Estes datos reflicten que as dificultades non se limitan a obter unha resolución xudicial, senón que tamén se prolonga o tempo

necesario para facela efectiva", explica o Bloque.


Os datos máis recentes publicados polo CXPX, apunta, "correspondentes ao segundo trimestre de 2026, amosan que a situación non só non mellorou, senón que se agravou. A

30 de xuño de 2026 permanecían en trámite no Tribunal de Instancia de Lalín 1.278 asuntos (1.015 civís e 263 penais), un 21,9 % máis que na mesma data de 2025. Durante

o trimestre ingresaron 757 asuntos, un 3,8 % máis que no mesmo período do ano anterior,

mentres que a resolución de procedementos diminuíu nun 29,6 %, o que agrava a xa

preocupante situación do órgano xurisdicional".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

O Tribunal de Instancia de Lalín presta servizo aos seis concellos de Deza —Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Agolada, Rodeiro e Dozón—, cunha poboación conxunta de 39.594 habitantes. A súa estrutura xudicial está integrada por dúas prazas, unha delas con competencias en materia de violencia sobre a muller, "polo que o seu correcto funcionamento resulta fundamental para garantir unha atención adecuada á veciñanza e ás persoas que precisan unha resposta xudicial especializada".


Fernández advirte de que “esta evolución debe analizarse tamén no contexto da

implantación da nova estrutura dos tribunais de instancia e das oficinas xudiciais”, un proceso que, segundo denunciou a formación nacionalista xunto con organizacións

sindicais e representantes do persoal da Administración de Xustiza, está a evidenciar

carencias de planificación e de medios humanos en distintos partidos xudiciais galegos.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Os nacionalistas consideran necesario que a Xunta asuma as súas responsabilidades na dotación de persoal e medios materiais, xa que lle corresponde a xestión dos recursos persoais e materiais ao servizo da Administración de Xustiza en Galicia. A formación lembra que, aínda que a competencia para modificar a planta xudicial non corresponde ao Goberno galego, este si debe avaliar as necesidades existentes e, de ser o caso, trasladar as correspondentes peticións ao Ministerio de Xustiza e ao Consello Xeral do Poder Xudicial.


O BNG subliña que reducir os atrasos xudiciais é unha cuestión que afecta directamente aos dereitos da cidadanía. "A acumulación de asuntos pendentes e o incremento das executorias dificultan que as persoas obteñan unha resposta efectiva nun prazo razoable, polo que reclama unha actuación planificada e dotada dos recursos necesarios para garantir unha Administración de Xustiza áxil e eficaz no conxunto da comarca do Deza", conclúe o Bloque.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page