O CEIP Plurilingüe de Agolada modifica os accesos e as zonas de estacionamento por mor das obras
Laura Moure/Agolada
O CEIP Plurilingüe de Agolada modificará temporalmente os accesos ao centro educativo e as zonas de parada e estacionamento de vehículos debido ás obras que se están realizando nas súas proximidades. Segundo informou o propio centro ao Concello, os cambios entraron en vigor este mércores, 28 de outubro, e manteranse ata novo aviso, co obxectivo de garantir a seguridade da comunidade educativa e facilitar a circulación durante a execución dos traballos.
PUBLICIDADE
A nova organización afecta tanto á entrada e saída do alumnado como ás zonas habilitadas para estacionar os vehículos das familias. Así, a zona sinalizada en laranxa no plano facilitado polo centro terá prohibido parar ou estacionar, mentres que as áreas marcadas en rosa serán as recomendadas para aparcar.

No relativo aos accesos, a entrada de todo o alumnado, tanto usuario do transporte escolar como non usuario, realizarase polo punto sinalizado en amarelo, entre as 9:40 e as 9:50 horas. Pola súa banda, a saída e recollida dos nenos e nenas terá lugar polo acceso marcado en verde, entre as 15:40 e as 15:50 horas.
Ademais, o acceso identificado en vermello permanecerá aberto unicamente entre as 10:00 e as 15:00 horas, polo que estará restrinxido fóra dese horario.
O centro solicita ás familias que consulten atentamente o plano adxunto, respecten a sinalización e utilicen os accesos establecidos nos horarios indicados.
PUBLICIDADE
Estas medidas terán carácter temporal e manteranse ata que o avance das obras permita recuperar a organización habitual. Desde o colexio agradecen a comprensión e colaboración das familias para garantir a seguridade do alumnado durante este período.









Comentarios