O BNG pide reforzar o persoal sanitario de Deza e Tabeirós tras a condena ao Sergas por unha morte
O Bloque lembra que en 2018 a oposición, xa fora solicitada unha comisión de investigación pola morte dun paciente no PAC da Estrada sen chegar a ser atendido por un médico pola falta de profesionais
Ecos da Comarca/Deza
O BNG de Deza e Tabeirós reclama novamente á Consellaría de Sanidade un reforzo inmediato dos medios humanos dos centros de saúde e PACs da comarca, reivindicación constante e histórica que colle relevancia tras a recente condena ao Servizo Galego de Saúde pola morte dun paciente no PAC da Estrada no 2018. A resolución xudicial recoñece unha “perda de oportunidade” para o doente e sinala deficiencias graves na atención, derivadas da ausencia de valoración médica nun caso que supón unha indemnización de 300.000 euros para a familia do falecido, mais que segundo o BNG “non lle van devolver a vida ao seu familiar e causaron un dano irreparable”.

Os nacionalistas lembran que esta situación xa fora motivo de preocupación e denuncia política. En 2018, os grupos da oposición solicitaron a creación dunha comisión de investigación no Parlamento Galego para esclarecer as circunstancias da morte dun paciente no PAC da Estrada, que faleceu sen chegar a ser atendido por un médico ante a falta de profesionais dispoñibles nese momento.
Para o Bloque, o feito de que anos despois unha resolución xudicial volva sinalar deficiencias na atención evidencia que a Xunta debe asumir responsabilidades e adoptar medidas para evitar que unha situación semellante volva producirse. Cabe lembrar que recentemente foi coñecida a sentenza favorable á familia dun falecido en Lalín, onde as eivas na valoración do doente e a longa agarda fixeron que volvese a casa e falecese horas despois no propio centro de saúde por un infarto.
PUBLICIDADE
Para o responsable comarcal do BNG, Xoán Blanco, é importante ter claro que “non queremos máis indemnizacións nin máis familias sufrindo as consecuencias da falta de atención e, sobre todo, non queremos ter que lamentar novas mortes para que a Xunta decida dotar a sanidade pública do persoal que precisa para que a atención sexa de calidade”.
PUBLICIDADE
O Bloque pon o acento en que a falta de medios non é un problema exclusivo dunha localidade, senón que existen antecedentes de dificultades de cobertura de médicos de familia e especialistas nos PAC e centros de saúde de Lalín e Silleda, unha problemática denunciada polos propios profesionais e acompañada de mobilizacións sociais. Tanto no caso de Agolada, coma Rodeiro e Dozón os servizos fóronse recortando tamén ao máximo, carecendo xa de especialistas en pediatría nas quendas que lles correspondían, e as eivas do centro de saúde de Vila de Cruces xa foron trasladadas tamén ao Parlamento Galego.
PUBLICIDADE
“O problema non é que non haxa cartos. O problema é onde decide a Xunta poñer os recursos”, afirma Blanco, que reclama que “Os recursos públicos deben servir para reforzar directamente a rede sanitaria pública e garantir unha atención presencial de calidade nos centros de saúde e nos PAC”.










Comentarios