top of page

Queda inaugurada a Casa de Don Álvaro, un dos bens máis icónicos e significativos do concello de Lalín

hace 5 minutos
3 min de lectura

Funcionará como contedor sociocultural vencellado ao turismo e gastronomía locais, á vez que acollerá actividades sociais e formativas


Laura Moure/Lalín

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu onte a restauración levada a cabo pola Xunta da Casa de Don Álvaro como a “recuperación dun dos bens máis icónicos e significativos” do concello de Lalín. Fíxoo na inauguración deste inmoble, xunto co titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e acompañados polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, tras concluír as obras para a súa posta en valor cun investimento do Goberno galego de máis de 1,2 millóns de euros.

“Recuperámolo como merece para o concello, a súa veciñanza e toda a comarca do Deza”, aseverou o representante do Goberno galego en referencia ao “importante valor” deste edificio, datado en 1913, e que está incluído no Catálogo do Patrimonio cultural de Galicia. Neste senso, fixo fincapé en que, tras a intervención, o inmoble mantén as súas características construtivas e arquitectónicas, así como daqueles elementos decorativos e mobiliario “que fan del un edificio emblemático e representativo do municipio”, incidiu.


O conselleiro lembrou que, tras un convenio de colaboración co concello para levar a cabo estas obras e fixar plan de usos, as actuacións de restauración deron comezo en abril de 2024 co obxecto de “devolverlle todo o esplendor” a este edificio “emprazado no centro neurálxico, comercial e simbólico do conxunto urbano de Lalín”. Nese senso, destacou que a Casa de Don Álvaro ten acollido “establecementos emblemáticos da vila”, entres os que apuntou unha chocolatería, unha ferraxería ou o Banco Pastor. “Restauramos, por tanto, unha parte importante da memoria lalinense”, resumiu.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Novos usos

López Campos explicou que as actuacións de rehabilitación que se levaron a cabo por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conseguiron resolver os problemas provocados polo paso do tempo e a falta de uso “co fin de recuperar este edificio icónico da comarca do Deza e poñelo ao servizo da veciñanza e dos visitantes e que vai contar con novos usos culturais, sociais e turísticos”.


Deste xeito, unha vez agora finalizada a restauración, o responsable de Cultura da Xunta avanzou que a intención é que o inmoble funcione como un contedor sociocultural vencellado ao turismo e gastronomía locais, á vez que acollerá actividades sociais e

formativas.


Actuacións  

O obxectivo das intervencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude centráronse principalmente en solucionar as patoloxías construtivas causadas pola entrada de auga, o exceso de humidades, o deterioro e o insuficiente illamento térmico das fachadas e a cuberta. Para iso, as actuacións, ao longo deste tempo, estiveron encamiñadas á mellora das canalizacións e a impermeabilización, a reparación dos danos na zona da galería principal e o reforzo da estrutura de madeira de todo o edificio mediante o aporte de novas pezas e o suplemento de vigas.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

As obras tamén procuraron recuperar as vigas e viguetas afectadas pola humidade e insectos, así como das carpinterías de madeira exteriores incorporando un dobre cristal que mellore a eficiencia enerxética do edificio. Con este mesmo obxectivo, executouse un drenaxe perimetral na zona do xardín e a incorporación dun un novo illamento térmico na cara interior das fachadas e a cuberta.


Os traballos completáronse cunha nova instalación eléctrica, de iluminación e climatización e coa recuperación do espazo orixinal do baixo. Ademais, tras a restauración, tamén conta cun ascensor, en cumprimento das normas de accesibilidade e ao abeiro da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Inicio das Festas das Dores

A inauguración coincidiu coas Festas das Dores, das que precisamente foi pregoeiro o director de Turismo de Galicia. Neste senso, Xosé Merelles puxo en valor o traballo que está a realizar Lalín para consolidarse como destino turístico, destacando a capacidade do municipio para converter as súas tradicións e o seu patrimonio nunha proposta turística ligada a súa identidade.


Tamén subliñou o papel da gastronomía, os dous Camiños de Santiago que atravesan o municipio, o patrimonio e a hospitalidade dos seus veciños como elementos que permiten a Lalín proxectarse como un destino “que sabe ser moderno sen deixar de ser el mesmo”. Xosé Merelles destacou tamén o crecemento experimentado polo xeodestino e sinalou que este resultado é froito de anos de traballo e dunha aposta por un turismo que “non renuncia a vosa esencia”.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page