top of page

O BNG logra o apoio do pleno de Arzúa para reclamar ao Ministerio solucións polo danos das obras da A-54

Ecos da Comarca/Arzúa

O Bloque Nacionalista Galego de Arzúa conseguiu onte o apoio do Pleno municipal á moción presentada para esixir ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel medidas urxentes ante os efectos que o atraso na execución da autovía A-54 está a provocar no concello.


A iniciativa, defendida pola portavoz municipal do BNG, Lucía López, reclama ao Goberno do Estado que atenda dunha vez as demandas trasladadas desde Arzúa e que asuma a súa responsabilidade polos danos ocasionados nas infraestruturas municipais e na contorna das obras.

Desde o BNG lembran que o Concello solicitou formalmente unha reunión co Ministerio en setembro de 2025 para abordar esta problemática e que, nove meses despois, segue sen recibir resposta. “É inadmisíbel que unha administración local e toda unha veciñanza leven meses agardando unha contestación mentres os problemas continúan agravándose”, sinalou Lucía López.


A portavoz nacionalista destacou que nos últimos meses multiplicáronse as incidencias nas zonas próximas ás obras, con deterioros visibles en vías municipais e infraestruturas locais sometidas ao intenso tránsito de maquinaria pesada. “As estradas locais, os accesos e distintos elementos da rede viaria están sufrindo un desgaste evidente derivado da execución da autovía. O Ministerio non pode mirar para outro lado nin pretender que sexa o Concello quen asuma en solitario os custos destas afeccións”, afirmou.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

A aprobación da moción prodúcese ademais nun contexto de crecente incerteza sobre os prazos da infraestrutura. Nos últimos días diferentes informacións aparecidas nos medios de comunicación apuntan á apertura do treito final da A-54 durante este verán. Porén, segundo denuncia o BNG, o Concello de Arzúa non recibiu ningunha comunicación oficial nin información formal por parte do Ministerio. “Resulta sorprendente que a veciñanza coñeza pola prensa novidades sobre unha infraestrutura que afecta directamente ao noso municipio mentres o Concello continúa sen obter respostas ás solicitudes de reunión

e información realizadas hai meses”, indicou López.


A moción aprobada reclama, entre outras cuestións, a celebración inmediata da reunión solicitada polo Concello, a elaboración dun informe técnico sobre o estado das infraestruturas afectadas, a colaboración económica do Ministerio para reparar todos os danos ocasionados polas obras, a posta en marcha dun plan extraordinario de seguridade viaria e a publicación dun cronograma actualizado sobre a finalización dos treitos pendentes da autovía.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

Para a portavoz do BNG, “o apoio do Pleno supón unha mensaxe clara ao Ministerio, que debe comprometerse de maneira inmediata co arranxo das infraestruturas deterioradas e coa atención ás demandas dun concello que leva demasiado tempo agardando respostas”.


“Non estamos pedindo privilexios, estamos reclamando responsabilidade. Se unha obra estatal provoca danos no noso termo municipal, é o Estado quen ten que asumir a súa reparación e garantir a seguridade da veciñanza”, concluíu Lucía López.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page