O BNG insta á Xunta a levar a cabo un estudo socioambiental do parque eólico Rodeira e Pico Seco
- ecosdacomarca

- 14 ago 2025
- 3 Min. de lectura
Estes afectan ámbolos dous ao concello de Lalín, tendo tamén incidencia no concello de O Irixo e Vila de Cruces respectivamente
Ecos da Comarca/Deza
O BNG rexistrou iniciativas ao respecto da sentenza do tribunal europeo sobre os proxectos eólicos en Lalín e Vila de Cruces e as declaracións de membros do goberno galego e de Lalín.
O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa da deputada e deputados Ariadna Fernández González, Luis Bará Torres e Xosé Manuel Golpe Acuña, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei para debate en Pleno, sobre os proxectos de parques eólicos Pico Seco e Rodeira.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
"A recente publicación da sentenza do Tribunal Europeo foi recibida con grande satisfacción por parte da Xunta de Galiza, cunha interpretación pouco exacta desta en
canto á maioría dos parques eólicos suspendidos cautelarmente en Galiza polo TSXG, decisión ratificada polo Tribunal Supremo posteriormente. Tanto é así, que non implicaría cambios nas paralizacións de máis de 80 proxectos eólicos espallados polo país, ao igual que é o caso dos situados na comarca do Deza, en concreto Pico Seco e Rodeira, que se atopan nesta situación por as afeccións medioambientais que podería causar a súa
instalación".
Os parques eólicos Pico Seco e Rodeira afectan ámbolos dous ao concello de Lalín, tendo tamén incidencia no concello de O Irixo e Vila de Cruces respectivamente. As dúas autorizacións administrativas previas ás súas instalacións foron concedidas pola Xunta de Galiza no 2023, coa conseguinte publicación da información no DOG, onde se especificaba a potencia de cada un deles (27MW e 12,6MW) e o número de aeroxeradores (7 e 2 respectivamente) que se instalarían, en ambos casos de máis de 100 metros de altura e 150 de diámetro de rotor.
Publicidade
"En ámbolos dous casos se presentaron solicitudes de paralización cautelar por parte da asociación ecoloxista ADEGA, que consideraba que tanto no caso do proxecto promovido por Aerogeneración Galicia SL coma no de Green Capital Power existía un potencial impacto paisaxístico e ambiental, sendo aceptadas as alegacións por parte do TSXG. No caso de Pico Seco, está situado á beira da Rede Natura 2000 de Zobra e a Serra do Candan separándose, de levarse a cabo a súa instalación, dúas zonas de interconexión ecolóxica afectando a especies de fauna existentes na zona e aos seus movementos
naturais. No parque de Rodeira a maior parte das instalacións do parque estarían
proxectadas sobre zonas de máxima sensibilidade ambiental, moi próximas a diversos núcleos de poboación, co que iso implicaría no mantemento da biodiversidade e da vida das persoas afectadas. Con estas dúas suspensións a xustiza, tanto no TSXG coma no
Tribunal Superior puxo o foco no mantemento da nosa paisaxe e patrimonio, evitando
danos irreversibles en zonas de alta sensibilidade ambiental e valorando irregularidades nas diferentes tramitacións, coma poden ser os casos de fragmentacións de proxectos. No caso destes dous en concreto, Pico Seco leva asociado o PE Valdepereira, co que comparte instalacións e promotor, ao igual que Rodeira, que está na mesma situación co PE Cunca, por exemplo".
Tras a análise da sentenza do Tribunal Europeo, diversos xuristas, apunta o BNG, "sacan en conclusión que non haberá repercusión nas paralizacións cautelares decretadas polo TSXG, de xeito que non supón un cambio substancial ao respecto dos proxectos suspendidos, referíndose a cuestións completamente diferentes. Malia iso, coa nova de dita sentenza, a Xunta de Galiza celebrou o fallo insistindo que a enerxía eólica devolvería a normalidade ás tramitacións, entre as que se atopan os parques previamente citados nunha visita á comarca do Deza, alegando que se producirá un grande cambio no desenvolvemento industrial tanto da comarca coma de Lalín".
Publicidade
Polo anteriormente exposto, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei para o debate en Pleno:
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galiza a:
1. Levar a cabo un estudo socioambiental do parque eólico Rodeira e Pico Seco para avaliar os seus posibles efectos sobre a vida das persoas que habitan o territorio en cuestión para aportarllo aos dous concellos afectados e que teñan información que transmitirlle aos seus veciños e veciñas.
2. Aclarar publicamente se a sentenza do Tribunal Europeo ten efectos sobre o parque eólico Rodeira e Pico Seco.”








Comentarios