top of page

O BNG denuncia que o PP rexeita investimentos fundamentais para Monterroso

hace 13 horas
3 min de lectura

E recalca que mentres a Xunta destina millóns de euros aos concellos da contorna


Ecos da Comarca/Monterroso

O BNG de Monterroso denuncia o rexeitamento do Partido Popular no Parlamento galego ás sete emendas presentadas pola formación nacionalista aos Orzamentos da Xunta para 2027, que en total suman catro millóns de euros. Entre as actuacións propostas destacan a modernización da depuradora municipal, a construción dunha residencia pública para persoas maiores e a creación dun parque infantil cuberto e unha pista multideporte.

Brais Vázquez, voceiro do BNG de Monterroso.
Brais Vázquez, voceiro do BNG de Monterroso.

O voceiro municipal do BNG, Brais Vázquez, cuestiona as prioridades do Goberno galego ao comparar os investimentos previstos para Monterroso cos destinados aos concellos da contorna. "Non entendemos que a Xunta contemple investimentos en Portomarín, Palas de Rei, Friol ou Antas de Ulla e que, pola contra, o Partido Popular rexeite actuacións que levamos tempo reclamando para Monterroso e que responden a necesidades reais da nosa veciñanza".Un dos exemplos máis evidentes desta diferenza de trato, segundo o BNG, é o investimento en saneamento. "Mentres a Xunta contempla 2,5 millóns de euros para saneamento e depuración en Portomarín, o PP votou en contra dunha emenda do BNG pola mesma contía para modernizar a Estación Depuradora de Augas Residuais de Monterroso. A esta proposta súmase outra de 250.000 euros para ampliar a rede de sumidoiros ás parroquias rurais, tamén rexeitada".


"Estamos falando dun servizo básico. A Xunta anuncia un incremento do 42 % nos investimentos en augas na provincia de Lugo e reserva partidas para concellos da nosa contorna, pero non atende a modernización da depuradora e e ao financiamento de proxectos de saneamento en Monterroso. Queremos saber que criterios utiliza o Goberno galego para decidir onde inviste e onde non", sinala Vázquez.

 PUBLICIDADE

Outra das principais demandas do BNG é a construción dunha residencia pública para persoas maiores, para a que a formación nacionalista propoñía unha partida inicial de 500.000 euros destinada á redacción do proxecto e ao inicio das obras. Vázquez lembra que arredor do 30 % da poboación de Monterroso supera os 65 anos e considera imprescindible planificar recursos públicos que permitan ás persoas maiores recibir atención e coidados sen ter que abandonar o seu concello. "Nun municipio cunha poboación tan envellecida, unha residencia pública debería ser unha prioridade. Falamos de garantir que as persoas maiores poidan continuar vivindo preto das súas familias, da súa contorna e das súas relacións sociais. Non podemos seguir adiando indefinidamente unha infraestrutura que Monterroso necesita", afirma.


A terceira actuación na que o Bloque pon o foco é a construción dun parque infantil cuberto e unha pista multideporte, para a que solicitaba 150.000 euros. A formación nacionalista considera que esta infraestrutura permitiría ampliar os espazos públicos destinados á infancia e á mocidade, especialmente durante os meses de choiva e frío. "As familias de Monterroso tamén teñen dereito a contar con instalacións axeitadas para que as crianzas poidan xogar durante todo o ano. Non estamos falando dunha gran infraestrutura nin dun investimento desproporcionado, senón dun equipamento que melloraría a vida diaria de moitas familias", explica Vázquez.


O BNG enmarca o rexeitamento destas propostas nunha distribución dos investimentos autonómicos que considera desfavorable para Monterroso. Así, sinala que os orzamentos da Xunta contemplan fondos para a ampliación do parque empresarial de Palas de Rei, dous millóns de euros para a estrada LU-231, entre Palas, Friol e Begonte, e actuacións no centro de saúde de Antas de Ulla, mentres se rexeitan as emendas destinadas a atender necesidades de Monterroso."Non cuestionamos que se invista nos concellos veciños. Ao contrario, consideramos positivo que a Xunta destine recursos a mellorar os seus servizos e infraestruturas. O que reclamamos é que Monterroso reciba tamén investimentos acordes coas súas necesidades e que a nosa veciñanza non quede á marxe das actuacións previstas para a comarca", aclara Brais Vázquez.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

O voceiro de BNG tamén cuestiona a posición do Goberno local do Partido Popular ante o rexeitamento das emendas e reclama unha maior implicación do alcalde na demanda de financiamento autonómico. "O alcalde debería ser o primeiro en reclamar á Xunta os recursos necesarios para modernizar a depuradora, construír unha residencia pública ou dotar a infancia de novos espazos. Queremos saber que xestións está realizando diante do Goberno galego e por que estas necesidades non teñen resposta nos orzamentos", sinala.


Desde o BNG lembran que as sete emendas presentadas incluían tamén propostas para crear un viveiro industrial público, mellorar a seguridade peonil nas estradas autonómicas e impulsar un plan de vivenda pública en alugueiro e rehabilitación rural. "Monterroso ten necesidades concretas e propostas para atendelas. O que pedimos é que a Xunta as teña en conta e que o Goberno municipal as defenda coa mesma determinación coa que outros concellos conseguen investimentos para os seus servizos públicos e infraestruturas", conclúe Brais Vázquez.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
32941502-7315-4b45-bdb2-1e2337015ba2.jfif

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page