Palas contará con prazas residenciais para maiores dentro dunha licitación autonómica duns 50 millóns
As prazas distribúense entre 28 concellos das catro provincias e correspóndense cun total de 211 prazas na Coruña, 222 en Lugo, 286 en Ourense e 211 en Pontevedra
Laura Moure/Palas de Rei
O Consello da Xunta abordou onte a contratación do servizo para garantir a continuidade de 930 prazas públicas residenciais para persoas maiores en situación de dependencia nas catro provincias galegas, cun orzamento de licitación de preto de 50 millóns de euros. A nova licitación, que renova e actualiza os contratos mediante os que o Goberno galego mantén estes recursos integrados na rede pública residencial, eleva o importe máximo diario por praza que achegará a Administración autonómica, un incremento de entre o 12 e o 17 % respecto dos importes actualmente vixentes.

Con este maior esforzo económico, o Goberno autonómico dá continuidade á atención especializada que reciben as persoas maiores en situación de dependencia, favorece a estabilidade organizativa dos centros residenciais e establece criterios comúns de calidade. Así, consolídase un modelo de atención á dependencia concibido como un servizo integral e personalizado que ten en conta as necesidades tanto das persoas maiores dependentes como das súas familias.
PUBLICIDADE
As prazas incluídas nestes novos contratos distribúense entre 28 concellos das catro provincias, entre eles Palas de Rei. Na Coruña corresponden a 211 prazas situadas en Boqueixón, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Noia, Ribeira, Santiago de Compostela e Teo; en Lugo, a 222 prazas en Guntín, O Incio, Láncara, Palas de Rei, Sober, O Valadouro e Vilalba; en Ourense, a 286 prazas en Lobios, Maceda, Ourense, O Pereiro de Aguiar, Ramirás, A Rúa e Xinzo de Limia, e en Pontevedra, a 211 prazas na Guarda, Pazos de Borbén, Tui, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Poio.
PUBLICIDADE
Un dos principais cambios na licitación é o feito de que na valoración das ofertas das entidades interesadas terá máis peso a calidade que o prezo. Neste sentido, criterios cualitativos como as ratios de persoal, as medidas de conciliación, a metodoloxía de intervención e o plan de formación suporán o 60 % da puntuación fronte á oferta económica, que terá como máximo un 40 % dos puntos. A duración inicial dos novos contratos abarcará desde a data da sinatura, prevista para marzo de 2027, ata finais de febreiro de 2029, ben que poderá alcanzar unha duración máxima de cinco anos.









Comentarios