O BNG denuncia a redución de horarios da escola infantil de Arzúa
- ecosdacomarca

- hace 12 minutos
- 2 Min. de lectura
Anuncia o rexistro de iniciativas no Parlamento Galego demandando unha actuación urxente que garanta o horario sen menoscabar os dereitos laborais das traballadoras
Ecos da Comarca/Arzúa
O BNG de Arzúa vén de trasladar ao Parlamento galego a problemática que se está a vivir na escola infantil Galiña Azul. "Após a redución de xornada de dúas traballadoras, o
horario de peche do centro vese ameazado por mor da mala planificación que se está a facer desde o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, quen non está garantindo a cobertura necesaria do persoal para manter as rateos de persoal e alumnado".

Segundo sinala Iria Carreira, deputada nacionalista, “a Xunta de Galiza non pode deteriorar un servizo público fundamental pola súa política de xestión do persoal neglixente”. Anuncia tamén a esixencia formulada de que a escola infantil manteña o horario de 8 a 17:30 horas “tal e como consta na documentación pública da propia Xunta de Galiza, e para garantir o dereito das crianzas e as familias á escolarización e á conciliación”. Ademais, Carreira salienta que o Consorcio deberá realizar as contratacións oportunas e de xeito estábel para garantir tamén os dereitos laborais do persoal, “e non seguir actuando improvisadamente e sustentándose exclusivamente na voluntariedade e na sobrecarga das propias traballadoras do centro”.
Publicidade
Pola súa banda, Lucía López, portavoz municipal do BNG, traslada tamén o apoio do grupo municipal ás demandas das familias. “Desde o Concello xa nos puxemos en contacto co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para esixir o mantemento dos horarios da Galiña Azul de Arzúa”, apunta, “e seguiremos demandando un bo funcionamento da escola para garantir os dereitos das familias e as crianzas”. “Non imos tolerar que as políticas do Partido Popular supoñan novos prexuízos nos servizos públicos do noso concello”, conclúe López.







Comentarios