top of page

O BNG defendeu no Parlamento a recuperación do Complexo Deportivo de Portodemouros para uso público

21 abr 2023
2 min de lectura

O partido nacionalista de Arzúa comprométese a liderar un frente común de Concello, Xunta e Deputación para conseguir este obxectivo


Ecos da Comarca/Arzúa

O Bloque Nacionalista Galego, a través da deputada arzuá no Parlamento galego, Iria Carreira, defendeu onte a recuperación do Complexo Deportivo de Portodemouros para uso público. Ante unha proposta do PP na que se cargaba a responsabilidade da súa recuperación unicamente sobre o Concello de Arzúa, Carreira defendeu que “se queremos recuperar realmente Portodemouros é necesaria a implicación de todas as administracións, pois a situación ruinosa na que se atopa require contar cun orzamento que non é asumíbel para o estado das arcas públicas do Concello de Arzúa” explicou.

A proposta do BNG, que saiu adiante por unanimidade, insta ao Concello de Arzúa a negociar con Naturgy a cesión dos terreos, e á Xunta de Galiza e á Deputación da Coruña a adquirir o compromiso orzamentario de colaborar coa recuperación de Portodemouros.


O candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa, Xoán Xesús Carril, congratulouse polo acordo acadado polo BNG no Parlamento Galego. “Alegrámonos que o PP, que ten votado en contra de iniciativas do BNG para recuperar Portodemouros, esta vez entrase en razón, pois recuperar o Complexo Deportivo de Portodemouros é moi importante para a dinamización económica e social de Arzúa” explicou.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

“Se queremos realmente recuperar este Complexo Deportivo temos que fuxir das propostas electoralistas como a realizada polo PP de que sexa o Concello en solitario quen asuma a rehabilitación de Portodemouros. Calquera que coñeza un pouco do estado das arcas públicas do noso Concello sabe que esa é unha propostas irreal,” explicou Carril. “Desde o BNG si que queremos recuperar Portodemouros de verdade por iso me comprometo a liderar un frente común entre Concello, Xunta e Deputación para facer realidade a rehabilitación de Portodemouros despois das eleccións do 28 de maio” concluíu Carril.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page