O BNG de Silleda denuncia defiencias nas obras de asfaltado no lugar de Cuiña, en Piñeiro
- ecosdacomarca

- 4 ene
- 1 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Silleda
Logo dunha denuncia veciñal, os concelleiros do BNG de Silleda, Erea Rey e Xerardo Díaz, desprazáronse ata o Lugar de Cuiña, na parroquia de Piñeiro, para comprobar a execución das recentes obras de asfaltado. Para sorpresa dos edís, observaron que as arquetas do sistema de abastecemento de auga, que é veciñal, quedaron cubertas pola capa de asfalto, o que impide que poidan ser abertas en caso de avaría ou para labores de mantemento das tubaxes.

Todo isto acontece a pesar de que a obra foi certificada ao 100% e recepcionada polo Concello o pasado 11 de decembro. Desde o BNG lamentan que o goberno local
certifique a totalidade da obra sen esixir á empresa concesionaria que pique o asfalto
que cobre as arquetas do sistema de abastecemento.
Publicidade
A voceira local, Erea Rey, lembra que a supervisión rigorosa das obras públicas é unha
obriga esencial de calquera administración, ao tempo que engade que “oxalá o goberno
puxera o mesmo empeño en comprobar a correcta execución das obras como poñen en
anuncialas. Vese cales son as prioridades”, en referencia aos paneis informativos
instalados polo goberno ao pé de todas as pistas asfaltadas con cargo ao préstamo
acordado entre o BNG e o executivo municipal a finais de 2024.
Publicidade
Desde o Bloque informan que xa rexistraron unha solicitude pedindo ao goberno que
reclame á concesionaria a eliminación do asfalto das arquetas á maior brevidade
posible.








Comentarios