top of page

O BNG de Monterroso esixe adaptar as contornas escolares ás novas normas de seguridade viaria

hace 16 horas
2 min de lectura

Brais Vázquez denuncia a mala regulación do tráfico no IES, algo que se repite cada curso e lembra que "o Concello ignorou unha proposta presentada polo BNG en febreiro para ordenar a circulación"


Ecos da Comarca/Monterroso

O BNG de Monterroso reclama ao goberno municipal que adopte medidas urxentes para solucionar os problemas de tráfico que se producen na contorna do IES, especialmente nas horas de entrada e saída do alumnado. O concelleiro nacionalista, Brais Vázquez, denuncia "que esta situación se repite ano tras ano sen que o goberno municipal adopte solucións".

“Non estamos ante un problema novo nin imprevisible. Cada curso volvemos atoparnos cos mesmos problemas de circulación e cada pequeno incidente súmase a unha lista que non debería seguir medrando”, sinala Vázquez que lembra que o BNG presentou xa no mes de febreiro unha proposta para elaborar un plan de tráfico na contorna do IES, que permitise ordenar a circulación, mellorar os accesos e garantir a seguridade do alumnado, das familias e do persoal do centro.


Porén, segundo denuncia, o goberno municipal "fixo caso omiso desta iniciativa". “En febreiro propuxemos actuar para evitar precisamente estas situacións. Pasaron os meses, comezou un novo curso e seguimos exactamente igual. O que falta non son advertencias nin propostas, senón que o Concello tome a iniciativa e actúe”, afirma o nacionalista.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

O BNG lembra que o pasado 1 de outubro entrou en vigor a reforma do Regulamento Xeral de Circulación, que reforza a protección das persoas máis vulnerables nas vías públicas e incorpora medidas específicas para mellorar a seguridade nas contornas escolares. A nova normativa contempla medidas de limitación da velocidade, ordenación do estacionamento e calmado do tráfico nas proximidades dos centros educativos, ademais de recoñecer os chamados camiños escolares seguros. Para Brais Vázquez, “resulta difícil de entender que, mentres a normativa avanza na protección do alumnado e na creación de contornas escolares seguras, en Monterroso sigamos sen resolver problemas que coñecemos desde hai anos”.


O concelleiro nacionalista considera que o Concello debe aproveitar este novo marco normativo para elaborar un plan de mobilidade e seguridade viaria que dea resposta ás necesidades reais dos centros educativos, estudando medidas de ordenación da circulación, regulación das zonas de parada e estacionamento, mellora da sinalización e protección dos accesos peonís.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

A formación nacionalista advirte de que os problemas de circulación e seguridade non se limitan ao instituto, xa que tamén existen cuestións pendentes de resolver na contorna do CEIP de Monterroso.“Tamén temos trasladado propostas para mellorar a situación no colexio e imos continuar insistindo. Falamos da seguridade das nosas crianzas e da necesidade de garantir que poidan acceder aos centros educativos en condicións adecuadas”, explica Vázquez.


O BNG anuncia que presentará unha queixa formal no próximo pleno municipal e volverá levar propostas concretas para mellorar a seguridade viaria nas contornas do IES e do CEIP. “Non podemos seguir agardando a que se produza un incidente grave para actuar. A seguridade do alumnado non pode quedar relegada ano tras ano. O Concello ten competencias, dispón dun novo marco normativo e conta con propostas enriba da mesa. O que precisamos agora son solucións”, conclúe Brais Vázquez.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page