O BNG de Lalín denuncia a “precaria” atención psiquiátrica do CIS
Mari Fernández denuncia que só "atenden catro días á semana e un profesional distinto cada día"
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín, diante das queixas da veciñanza, volve denunciar a “precaria” atención á saúde mental que sigue a prestar o CIS de Lalín. "No centro hai unha praza de psiquiatría que atende aos pacientes só catro días á semana, deles o titular dela atende un só día e as tres quendas restantes cúbrense con distintos psiquiatras que cada un deses días “fichan en Santiago ás oito da mañá, collen un taxi e atenden en Lalín até as dúas da tarde”. O BNG de Lalín leva xa dúas mocións presentadas en pleno e varias denuncias públicas das queixas dos usuarios do CIS, que agardan “en moitos casos máis dun ano por unha cita de psiquiatría”.

A portavoz municipal do BNG, Mari Fernández Sanmartín, advirte ao goberno local, que en agosto do ano 2025 “nun arranque de sinceridade votou a favor dunha moción do BNG demandando a mellora deste servizo”, que a poboación lalinense usuaria dos servizos públicos de saúde mental “non pode máis”. Explica Fernández Sanmartín que veciñas e veciños afectados “volveron dirixirse a nós diante da precariedade insoportable que están padecendo neste servizo, que tería que ser básico”. Critica a veciñanza que no goberno local de Lalín “non atopan respostas a súas demandas, que nin sequera trasladan á Xunta”.
PUBLICIDADE
Para o BNG de Lalín a sanidade pública é “unha liña vermella” e no caso da saúde mental e logo de denuncias de veciñas e veciñas de Lalín “sen citas logo de intentos de suicidio ou sen citas para revisar a medicación”, “non é tolerable que o goberno do PP de Lalín siga dando a calada por resposta e dando as costas á veciñanza”. Destaca Fernández Sanmartín o “silencio cómplice” dun alcalde e un grupo de goberno que “calaron durante tres anos os retrasos na apertura do CIS sabendo que a veciñanza estaba atendida nun ambulatorio en ruínas, e volven calar agora diante das reiteradas faltas de dotación dun centro que Crespo e Rueda viñeron vender como a oitava marabilla da sanidade pública”.
Veciñanza “ao límite”
O BNG de Lalín sinala que ten contacto permanente coa veciñanza, coñece das súas necesidades e recibe denuncias de casos “que deberían poñer colorado a calquera político cun mínimo de vergoña e decencia”. Destaca Fernández Sanmartín que non é o BNG o que di que o servizo de saúde mental do CIS “está infradotado e precarizado”, senón que o di a propia Organización Mundial da Saúde (OMS) que ten establecido unha ratio en saúde mental de 15 profesionais por cada 100.000 habitantes “que no caso dos 35.000 usuarios do CIS na Comarca do Deza tería que ser de 5,25, e non chegamos nin de lonxe aos mínimos da OMS”.
PUBLICIDADE
Desde o BNG de Lalín exixen de novo unha “solución urxente” para os moitos lalinenses que precisan servizos públicos de saúde mental, nomeadamente de psiquiatría e que “ou non teñen cita ou cando teñen topan cada día cun profesional diferente co que empezar de novo o seu tratamento”. Fernández Sanmartín cualifica de “inhumano” o feito de que o propio goberno local de Lalín, coñecedor de moitos destes casos e queixas “non se teña molestado en demandar ao goberno amigo da Xunta que subsane esta situación”.
O BNG de Lalín volverá levar ao pleno do Concello e “onde faga falta” as demandas lexítimas dunha axeitada saúde pública mental para a veciñanza, e advirte ademais ao
goberno local do PP de que “a veciñanza está ao límite”.









Comentarios