Insta ao goberno local a instalar estes elementos decorativos como en anos anteriores na rúa Colón, pero tamén que se estenda a outras do casco urbano
Ecos da Comarca/Lalín
O voceiro municipal do BNG de Lalín, Francisco Vilariño, anuncia a presentación dunha iniciativa plenaria para conminar ao grupo de goberno a instalar os paraugas de cores na rúa Colón e a facer esta proposta extensiva a outras rúas do casco urbano lalinense, con diferentes elementos decorativos, "tal e como anunciara no anterior goberno que ía facer e que o cambio de goberno evitou que se plasmara nese verán", lamenta. "Unha negativa que non se entende debido a que desde o propio goberno actual díxose en varias ocasións que a estrutura multicolor foi una boa idea".
Os paraugas na Rúa Colón.
Autor: Concello de Lalín.
Vilariño, como responsable desta iniciativa no anterior goberno, discrepa coa postura do executivo local e di que durante o pasado mandato, foi moi positiva. "Son máis necesarios que nunca, porque os paraugas xa se compraron e só hai que asumir o custo da montaxe" e a maiores mercar novos elementos para outras rúas pero sabendo que son investimentos menores e que quedan para poder empregar en sucesivos anos. "A experiencia ten demostrado con rotunda claridade que impacto positivo e o retorno é infinitamente superior á invesión inicial".
Para o BNG esta iniciativa de cubrir varias rúas con elementos decorativos de cores axuda a potenciar a chegada de visitantes durante a época estival e que tan necesaria se fai nestes momentos. O obxectivo é embelecer tramos peonís dunha maneira "moi visual e orixinal" e convertirlos, deste xeito, "nun novo e potente reclamo para turistas e veciños", apunta o concelleiro nacionalista, que alude a outros lugares nos que se desenrolan con enorme éxito e aceptación iniciativas semellantes. Ao mesmo tempo, destaca, " dinamízase a actividade social e comercial da vila".
En palabras de Vilariño “desfacerse desta proposta só obedece á estratexia dun goberno que se move por revanchismo e que non responde á defensa do interés xeral do conxunto dos vecinos e veciñas”.
Kommentare