O BNG de Lalín denuncia o estado "lamentable" do espazo público nos terreos da discoteca Os Sauces
- ecosdacomarca
- hace 3 días
- 2 Min. de lectura
"Coa actuación parcial, apresurada e chapuceira perdeuse unha ocasión histórica para a realización dun auténtico parque de referencia nesa zona do casco urbano", sinala
Ecos da Comarca/Lalín
Na primavera de 2019, o BNG de Lalín presentaba o proxecto de “Parque do Encontro”, como parte da súa estratexia dun Lalín interxeracional e biosaudable, nos terreos da área de reparto 21 (AR-21) parcialmente ocupados, nese momento, pola antiga sala de festas Os Sauces. Un espazo verde, que para o seu voceiro municipal, Paco Vilariño, transformaría esa zona do casco urbano, onde poderían convivir dun xeito natural e ocioso as distintas xeracións.

Relatan desde o BNG de Lalín que ese proxecto comprendía dúas grandes zonas:
- Un espazo biosaudable pensado especialmente para a terceira idade con zonas para o descanso, zonas para o exercicio físico e un sendeiro cun percorrido ideal para paseos.
- E unha zona infantil e xuvenil que contaría cun parque infantil totalmente cuberto e con zonas de lectura e aulas didácticas, ideais para que os centros educativos puidesen realizar actividades nos días de bo tempo.
A organización nacionalista lembra que o regreso do PP á alcaldía de Lalín deixou este proxecto no abandono e só catro anos despois, nos meses previos ás eleccións municipais de 2023, o goberno do Partido Popular lembrouse do abandono en que se atopaba este espazo localizado en pleno casco urbano. "De xeito apresurado e con afán electoralista, o goberno municipal anunciou a demolición da edificación da antiga sala de festas e o acondicionamento “parcial” desa parcela dotacional".
Publicidade
Nese momento, o BNG de Lalín xa manifestou o seu total desacordo co que
acondicionamento da parcela fose parcial, cando eles tiñan un proxecto completo e ambicioso de espazo libre e zona verde, advertindo que estarían atentos á execución dos traballos e dubidaron que tal “acondicionamento parcial” chegase a converter a zona nun auténtico espazo verde para desfrute da veciñanza; afirmando naquel momento "que todo parecía ser unha nova actuación electoralista do PP que estaba a ser realizada sen planificación algunha e, una vez máis, sen ter como verdadeira prioridade dar resposta ás necesidades reais da cidadanía".
Vilariño afirma que tal e como vaticinaron os nacionalistas, dous anos despois daquela actuación parcial, "apresurada e chapuceira, a zona atópase nun estado lamentable. O firme do paso peonil, realizado de xeito provisional, atópase totalmente estragado, coa grava solta, cheo de buratos e invadido pola vexetación. Tal estado de abandono supón un risco evidente para a veciñanza que o transita e denota a falta total de mantemento. O resto do espazo libre está totalmente inutilizado. A maleza existente impide utilizar en absoluto o resto da parcela e xa houbo algunha queixa da veciñanza pola falta de seguridade, salubridade e ornato dos terreos". Os nacionalistas conclúen que é evidente "que o espazo non tivo mantemento algún dende 2023 e resulta claro que é a cidadanía de Lalín quen está padecer as consecuencias desta nefasta xestión municipal, fundamentalmente unha zona moi transitada de paso por nais, pais e fillos e fillas para dirixirse ao CEIP Xesús Golmar".
Comments