O BNG de Dozón: "Os depósitos de auga da Xunta non serven para abastecer os medios de extinción"
Ecos da Comarca/Dozón
O BNG de Dozón denuncia “a falla de criterio e planificación” da Xunta coa obra realizada na parroquia de Sanguiñedo, "onde o Goberno galego substituíu un antigo depósito de auga por outro novo que, segundo trasladan veciños e veciñas, non pode abastecerse do regato que alimentaba a instalación anterior ao estar construído a unha cota superior, reducíndose así drasticamente a súa utilidade". O resultado, explica o BNG, é que o camión motobomba ten que desprazarse ata a praia fluvial de Sanguiñedo, cargar auga e transportala ata o novo depósito, percorrendo un camiño de difícil acceso e con importante desnivel.

“Mentres a motobomba está facendo de camión cisterna, non está onde ten que estar: apagando incendios”, critica o Bloque, que considera especialmente grave esta situación
nunha infraestrutura creada precisamente para facilitar a actuación dos medios de extinción, nun concello que ano tras ano e coma xa se viviu no 2025, sofre dun elevado
risco de incendios. O BNG reclama á Xunta que achegue os datos económicos da actuación, así coma a responsabilidade do deseño, supervisión e construcción da obra,
para coñecer o por que da construcción dun depósito sen que este garanta o seu
abastecemento.
PUBLICIDADE
“O gasto de diñeiro público a man cheas e sen que este redunde no benestar e seguridade dos veciños e das veciñas é un feito desgrazadamente frecuente en Dozón, algo que non comprendemos como non ten a reprobación por parte do goberno da Xunta de Galiza. Neste caso a situación é especialmente grave porque amosa a falla total de interese por levar a cabo investimentos en infraestruturas realmente útiles e que poidan protexer á contorna en caso de incendios. É dunha incompetencia preocupante e dun desleixo que non pode permitírselle a ningunha administración” sinalan membros do BNG de Dozón.
PUBLICIDADE
A formación nacionalista esíxelle á Consellería do Medio Rural que solucione de inmediato o problema e garanta que o depósito estea “plenamente operativo o antes posible”.









Comentarios