top of page

O BNG de Arzúa rexistra emendas aos orzamentos da Xunta para reconstruir a ponte de Maroxo

Tamén introduce a necesidade dunha reforma integral do CEIP de Arzúa, a recuperación do complexo deportivo de Portodemouros e o incremento de solo industrial


Ecos da Comarca/Arzúa

O BNG de Arzúa vén de presentar as emendas rexistradas aos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2026. Desde a organización nacionalista sinalan que o proxecto presentado polo goberno do Partido Popular é "decepcionante e non vai axudar a solucionar os problemas que lle afectan a día de hoxe ás galegas e galegos". Ademais, sinala Xurxo Gómez, responsábel local, “vemos como o Partido Popular destina a indecente cantidade de 0€ a Arzúa para atender as necesidades que ten a poboación nunhas contas que tampouco son quen de medrar por riba do que medrou a inflación e non dan resposta á situación límite na que se atopan servizos esenciais coma a sanidade, a educación ou a dependencia".

ree

Fronte a isto, o BNG rexistrou emendas ás contas presentadas polo Partido Popular para poder prestar atención e solucionar necesidades urxentes da veciñanza arzuá, como é a reparación da ponte caída sobre o río Iso en Maroxo. “O BNG leva un ano traballando desde o Concello para a reconstrución dunha infraestrutura claramente necesaria e por iso, unha vez que se tivo o proxecto para esta obra, solicitáronse xuntanzas con Augas de Galiza e coa Consellería de Medio Rural, así coma co Ministerio de Transportes, mais sen ningunha resposta”, apunta Gómez.


 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Neste senso, Iria Carreira, deputada o Parlamento galego salienta a introdución dunha emenda para esta infraestrutura, sinalando a importancia da colaboración entre as diferentes institucións que teñen responsabilidades sobre a caída desta ponte para enfrontar un proxecto que supera os 300.000€ de orzamento “pois non podemos obviar o estado de abandono no que se atopaba o leito do río Iso previamente e sobre o cal ten a responsabilidade Augas de Galiza”, salienta Carreira. Un proxecto que “tería un grande impacto sobre as contas dun concello coma Arzúa, poñendo en risco outros investimentos e servizos nun contexto onde ademais os gobernos municipais están asumindo competencias que non lle son propias e que minguan aínda máis a súa capacidade orzamentaria”.

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

Outras emendas formuladas pola formación nacionalista son a consignación de partidas específicas para a realización dunha reforma integral do CEIP de Arzúa, para o incremento de chan industrial no municipio e para a rehabilitación do complexo deportivo de Portodemouros. “Estas son necesidades constatadas por entidades e veciñanza arzuás, fundamentais para o desenvolvemento do noso concello”, apunta Iria Carreira. “O Partido Popular non pode seguir ignorando a Arzúa e utilizando os orzamentos da Xunta de Galiza de xeito partidista”, conclúe.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page