O BNG considera que os orzamentos da Xunta son "promesas incumpridas anualmente en Deza"
- ecosdacomarca

- 18 oct
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Deza
O BNG considera que os orzamentos da Xunta "son listaxes de promesas incumpridas pola goberno anualmente". Lembra os compromisos do 2025, "dos cales a maior parte quedaron no papel e nas notas de prensa dos anuncios do PP, sen que chegasen sequera a comezarse ou cunha execución tan lenta que se rematarán en anos".

Coa previsión da chegada dos novos orzamentos da Xunta de Galiza nestes próximos días, o BNG da comarca do Deza-Tabeirós e Terra de Montes recrimínalle ao goberno galego que todos os anos "faga promesas que logo se incumpren sistematicamente, sen que os investimentos reais respondan á realidade dos veciños e veciñas e con concellos totalmente esquecidos nesas partidas orzamentarias. Este é o caso, por exemplo de Silleda, Rodeiro ou Vila de Cruces, aos que podemos engadir Forcarei, que non tiñan ningún investimento real programado nos orzamentos do 2025, malia que dende o goberno da Xunta de Galiza insisten sempre na importancia do rural, abandonándoo logo de xeito recorrente á hora de investir neles".
PUBLICIDADE
O responsable comarcal lembra algúns dos compromisos esquecidos polo goberno galego na comarca. “Quedaron atrás máis da metade do que se anunciou, compromisos que son repetidos durante anos, coma os polígonos industriais de Toén e Lalín, a base aérea desta mesma localidade ou a conexión da AG 53 coa N525 á altura de Dozón, trátase dun lavado de cara anual na que a propaganda é moita, mais os feitos quedan bastante minguados co paso do tempo”. Así mesmo son críticos cos atrasos nas obras comezadas, coma a do Edificio de Medio Rural de Lalín, que non rematará no prazo previsto ou o avance da AG 59, que non chegou á Estrada tampouco neste exercicio orzamentario.
PUBLICIDADE
“O papel aguanta con todo o que se poña nel, mais se logo iso non se materializa non ten ningún valor, algo que é moi grave, máis aínda se temos en conta que temos unha comarca en crise demográfica onde é necesario investir diñeiro para ofertar servizos de xeito urxente, diñeiro que inflúa positivamente na vida dos veciños e as veciñas” engade a deputada nacionalista Ariadna Fernández, que critica a falla de interese pola comarca, con pouco investimento e unha extrema lentitude na execución por parte do goberno.








Comentarios