top of page

O BNG asume a alcaldía de Toques co obxectivo de reactivar a folla de ruta do goberno local

José Ángel Penas manifestou a súa satisfacción por volver á Alcaldía logo de case catro anos


Laura Moure/Toques

O BNG asume a alcaldía de Toques, logo de que José Ángel Penas tomara esta venres posesión do cargo co obxectivo de “continuar coa folla de ruta de traballo coa que iniciamos esta lexislatura e que a pandemia obrigou a variar”. Así o avanzou Penas nun pleno municipal no que, en virtude do acordo co PSdeG, socio de goberno na localidade, tomou o relevo na alcaldía a Miguel Buján, quen ostentou o cargo nestes dous primeiros anos de lexislatura.


Na súa primeira intervención como rexedor asegurou que “esta primeira etapa foi complicada polo impacto da Covid, o que obrigou a variar a folla de ruta de traballo iniciada ao comezo desta lexislatura”, para engadir a continuación que no último case ano e medio “houbo que afrontar con rigor as circunstancias impostas pola pandemia”.


Penas manifestou a súa satisfacción por volver á alcaldía logo de case catro anos, o que considerou “un premio ao traballo ben feito do noso grupo durante este tempo”, polo que trasladou tamén o seu agradecemento “tanto aos concelleiros, como ao resto de persoas que forman parte do BNG de Toques”, xa que, segundo subliñou, “sen o voso traballo e a vosa implicación neste proxecto non sería o mesmo e non tería sido posible”.


O portavoz nacionalista amosou o seu compromiso “de traballar duro polo ben de todas e todos os veciños”: “sabemos que queda moito por facer, pero imos poñer os medios para conseguir os nosos obxectivos”, asegurou. Nesta liña recalcou que a medida que se vaia superando a pandemia, “pouco a pouco iremos recuperando esa normalidade que tanto desexamos e que nos vai a permitir continuar coa folla de ruta de traballo coa que iniciamos esta lexislatura”.

José Ángel Penas.


Penas, que tamén agradeceu o labor desenvolvido polo conxunto da corporación, nestes dous primeiros anos de lexislatura, rematou a súa intervención reafirmando o seu compromiso cos obxectivos de futuro da vila e poñéndose “a disposición de todas e todos os veciños de Toques”

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page