top of page
Foto del escritorLaura Moure

O autobús que conecta Lalín e Silleda cos hospitais de Santiago terá paradas en Boqueixón e Vedra

A duración total da viaxe non se verá incrementada, xa que as novas paradas sitúanse no itinerario actual da liña


Laura Moure/Xeral

A liña de autobús que conecta Lalín e Silleda co Hospital Clínico de Santiago e co Hospital de Conxo disporá desde este luns día 24 de xullo de dúas novas paradas nos concellos de Boqueixón e de Vedra. O autobús fará parada en Lestedo e na Gándara, reforzándose así a atención das localidades intermedias da liña Lalín-Hospital de Conxo, que se puxo en marcha o pasado luns día 17 para facilitar, principalmente, os desprazamentos ao traballo do persoal sanitario de Lalín e Silleda.

As novas paradas sitúanse no itinerario que vén realizando a liña de autobús pola estrada N-525, polo que esta mellora no servizo non supón un aumento da duración total da viaxe para os usuarios, que se mantén en 1 hora e 10 minutos.


Publicidade

Coa ampliación destas dúas paradas, a Xunta deu resposta ás peticións trasladadas polos usuarios e polos Concellos de Boqueixón e de Vedra, garantindo así un mellor servizo cara a Santiago.

Esta liña conta con seis expedicións todos os días do ano, tres de ida e tres de volta, axustadas aos horarios de mañá, tarde e noite dos traballadores. Ao non variar a duración da viaxe, os servizos seguirán saíndo da estación de autobuses de Lalín ás 6:35, ás 13:35 e ás 20:35 horas. Para o regreso, os autobuses saen do Hospital de Conxo ás 8:15, ás 15:15 e ás 22:15 horas.

A medida aprobada responde ao compromiso continuo da Xunta de Galicia por mellorar os servizos de transporte público interurbano adaptándoos, na medida do posible, ás necesidades de mobilidade dos usuarios.


A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page