O Apalpador viaxa dende o Courel ata Agolada e Dozón
- Laura Moure / IsmaelRS
- 22 dic 2021
- 1 Min. de lectura
Laura Moure/IsmaelRS/Deza
O Apalpador estes días está visitando aos máis pequenos da casa. Sen ir máis lonxe, estivo este martes en Agolada e Dozón dentro do programa Nadal en Galego, da Deputación de Pontevedra.
No caso de Agolada xa estivo pola mañá no CEIP de Agolada e ás sete da tarde fixo un percorrido polo casco urbano e recibiu aos máis pequenos nun dos Pendellos. De feito, quedou impresionado coa maxia que desprende o recinto histórico tan fermoso desta vila.
O Apalpador este ano estreou novos pantalóns de pana -feitos por un xastre de máis de 80 anos da provincia de Pontevedra-, chaleco, gorra e camisa, todo "moda galega". Outra das novidades é que na súa comitiva incluíu dous monicreques que van contando historias: a ‘Lobiña Coureliña' feita en As Neves e ‘O señor Pandigueiro', curmán do Apalpador, elaborado en Cangas do Morrazo.
Actuación do Apalpador este martes en Agolada.
Ademais, entrega a cada concello unha árbore autóctona para que sexa plantada nun monte ou algún espazo público que poidan gozar os nenos e nenas para coñecer máis a natureza propia galega. No caso de Agolada fixo entrega de dúas ao alcalde do municipio, Luis Calvo.
O músico Servando Barreiro é o responsable da parte musical e "o encargado de animar as viaxes e os pasarrúas". As actuacións buscan fomentar o amor pola lingua galega e o coidado do medio ambiente, xa que "as mensaxes cantadas e tocadas reálzanse e chegan máis e a xente fica máis impresionada".
Comments