top of page

O alumnado do colexio de Sobrado non irá a clase tres días en sinal de proposta polo estado do centro

A ANPA anuncia unha protesta de tres días sen asistencia ás aulas o martes 7, mércores 8 e xoves 9 de abril, en resposta á falta de actuacións por parte da Consellería de Educación


Laura Moure/Sobrado

A ANPA do CEIP Virxe do Portal, do concello de Sobrado dos Monxes, anuncia unha protesta escolar de tres días sen asistencia ás aulas, convocada para o martes 7, mércores 8 e xoves 9 de abril, en resposta á falta de actuacións por parte da Consellería de Educación ante o estado do edificio.

Asistentes a unha concentración hai meses para exixir melloras no colexio de Sobrado.
Asistentes a unha concentración hai meses para exixir melloras no colexio de Sobrado.

Segundo trasladan desde as familias e representantes da comunidade educativa, e tal e como publicamos en ECOS DA COMARCA, o centro leva anos reclamando unha reforma integral sen obter respostas concretas nin prazos de execución. Denuncian que durante este curso o alumnado tivo que convivir con goteiras, filtracións de auga e frío nas aulas, unha situación que —aseguran— se repite inverno tras inverno debido ao deterioro dun edificio con máis de 45 anos de antigüidade.


Desde o colectivo sinalan que ao longo deste tempo producíronse visitas técnicas reiteradas, pero sen avances visibles no proxecto de mellora. Tamén lembran que mantiveron dúas reunións co Xefe Territorial de Educación, en agosto de 2024 e setembro de 2025, nas que —afirman— non se facilitaron prazos concretos e unicamente se indicou que o proxecto “está pendente de aprobación”.

 PUBLICIDADE

A comunidade educativa subliña que o centro mantén as mesmas fiestras, portas, instalación eléctrica e cuberta desde a súa construción, o que consideran incompatible cunhas condicións axeitadas de seguridade e confort para o alumnado.


Ante esta situación, as familias decidiron convocar unha protesta simbólica sen asistencia ás clases durante tres xornadas lectivas, co obxectivo de reclamar unha resposta inmediata da Administración autonómica.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Baixo o lema “Reforma integral xa”, solicitan actuacións urxentes que garantan un colexio seguro e en condicións dignas para o alumnado e o profesorado. A mobilización pretende visibilizar unha demanda histórica da comunidade educativa, que advirte de que, de non producirse avances, as deficiencias do edificio poderían seguir agravándose de cara ao vindeiro inverno.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page