O alcalde de Arzúa segue a súa ruta e presenta en Lalín a 50ª Festa do Queixo
- Laura Moure

- 11 mar 2025
- 2 min de lectura
O día 13 preséntase o libro 50 anos, 50 receitas, 1 queixo. Unha viaxe culinaria polo medio século da Festa do Queixo
Laura Moure/Arzúa/Lalín
O alcalde de Arzúa, Xesús Carril, continúa a súa xira de presentación da 50ª edición da Festa do Queixo, un evento que se consolida como un referente na gastronomía e cultura de Galicia. Neste caso, Xesús Carril estivo en Lalín, xunto ao alcalde, José Crespo Iglesias, e a tenente alcalde, María Paz Pérez Asorey, para promover este evento que cada ano atrae milleiros de visitantes a Arzúa.

O Concello de Arzúa busca expandir o alcance desta celebración, invitando a toda Galicia
a ser partícipe deste aniversario tan especial. Durante o acto, o alcalde de Arzúa agradeceu a colaboración institucional de Lalín e o apoio ao evento: “Quero agradecer ao rexedor de Lalín, José Crespo, e ao seu equipo, pola súa colaboración para impulsar a Festa do Queixo. É un exemplo de como a cultura galega medra cando traballamos xuntos. A Festa do Queixo non é só de Arzúa, é de toda Galiza.”
A Festa do Queixo, que celebra este ano o seu 50 aniversario, terá lugar en Arzúa do 14
ao 16 de marzo e contará cun amplo programa que combina tradición, gastronomía e música para todos os públicos.
PROGRAMA COMPLETO: https://www.festadoqueixo.org/programacion/
No marco desta festa, preséntase o libro 50 anos, 50 receitas, 1 queixo. Unha viaxe culinaria polo medio século da Festa do Queixo, unha homenaxe á tradición gastronómica da comarca a través de medio cento de receitas protagonizadas polo Queixo de Arzúa-Ulloa DOP e creadas por veciños, veciñas e profesionais de Arzúa.
Publicidade
A presentación terá lugar o 13 de marzo ás 20:00 horas na Aula 3 do recinto feiral “Terra do Queixo”, onde se dará a coñecer esta publicación que recolle receitas de cociñeiros e cociñeiras, hostaleiros e hostaleiras e amantes da gastronomía que, ao longo destes anos,
tiveron ao queixo como ingrediente estrela.
Este libro é un testemuño do legado culinario da Festa do Queixo, un evento que cada ano reúne a milleiros de persoas en torno a este produto emblemático. A través das súas páxinas, os lectores poderán descubrir pratos tradicionais e innovadores que reflicten a versatilidade e riqueza do Queixo de Arzúa-Ulloa.
O alcalde resalta a relevancia desta publicación dentro da celebración do 50ª aniversario da Festa do Queixo: “Este libro é unha homenaxe á historia e á creatividade culinaria de Arzúa. A través das súas receitas, recóllese o traballo de moitas persoas que contribuíron a facer do Queixo de Arzúa-Ulloa DOP un referente gastronómico. É unha mostra de orgullo para a nosa vila e un legado que perdurará no tempo.”
O Concello de Arzúa convida a toda a cidadanía a asistir a esta presentación para celebrar xuntos esta publicación, que pon en valor un dos maiores símbolos gastronómicos da nosa terra. Ademáis, dende o mesmo 13 marzo podes facerte co teu libro. Estará á venda na presentación e despois poderás adquirir o teu no stand da organización durante os días da Festa do Queixo.








Comentarios