O alcalde de Arzúa reclama á Consellería de Educación unha intervención urxente no CEIP Arzúa
- ecosdacomarca

- 1 oct 2025
- 2 Min. de lectura
Carril insta á Xunta a asumir as súas responsabilidades co ensino público en Arzúa
Laura Moure/Arzúa
O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, vén de dirixirse formalmente á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para solicitar unha reunión co conselleiro, Román Rodríguez. O obxectivo é trasladarlle, en nome da comunidade educativa, das familias e da veciñanza, a necesidade dunha actuación inmediata que garanta a renovación integral do CEIP Arzúa.

Reclamacións da comunidade educativa e da veciñanza
A carta recolle as demandas do profesorado, do alumnado e da ANPA, así como das familias e da veciñanza que teñen expresado reiteradamente a súa preocupación polo estado das instalacións. O Concello, como administración máis próxima, suma a súa voz a estas peticións para esixir que se poña fin a unha situación insostible. Esta decisión conta ademais co respaldo unánime da Corporación municipal, que aprobou en Pleno a solicitude de melloras para o centro.
Deficiencias estruturais
O escrito enumera un amplo listado de deficiencias que afectan negativamente ao día a día do centro: humidades persistentes en aulas e zonas comúns, cubertas e canalizacións deterioradas, problemas graves no sistema de calefacción, mobiliario inseguro, baños e salón de actos en mal estado, así como carencias en accesibilidade e seguridade. Estas condicións tradúcense en aulas frías no inverno, dificultades de ventilación e espazos pouco adaptados para unha atención pedagóxica en condicións. A comunidade educativa leva tempo reclamando solucións que non acaban de chegar.
Publicidade
Defensa do ensino público
O alcalde subliña que“o CEIP Arzúa é unha referencia pedagóxica, social e comunitaria que cada ano acolle centos de crianzas do municipio e da súa contorna”, polo que cómpre garantir unhas instalacións dignas para un ensino público galego de calidade.
Carril engade que“o Concello, como administración máis próxima á cidadanía, debe exercer un papel activo na defensa dos dereitos das crianzas e das familias de Arzúa”, polo que insta á Xunta a dar unha resposta inmediata.







Comentarios