O alcalde cruceño solicita á Xunta apoio para impulsar sendas peonías en Carbia, Piloño e Sabrexo
- Laura Moure

- hace 13 horas
- 2 min de lectura
Taboada mantivo unha reunión co delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Pablo Fernández
Laura Moure/Vila de Cruces
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Pablo Fernández López, foi recibido este venres polo alcalde de Vila de Cruces, Luís Taboada, e por membros da Corporación municipal para tratar diversos asuntos de interese local. Durante o encontro,
Taboada solicitou o apoio da Xunta para impulsar a execución de tres proxectos de sendas peonís nas parroquias de Carbia, Piloño e Sabrexo, actuacións que considera necesarias para mellorar a mobilidade e incrementar a seguridade dos peóns nas mencionadas zonas.

PUBLICIDADE
Así mesmo, o rexedor fixo entrega ao delegado territorial dunha copia do escrito presentado polo Concello no que se solicitan melloras na estrada PO-204 (Vila de Cruces - Bandeira), incidindo na necesidade de acometer actuacións que aumenten a seguridade nesta vía. Entre as demandas figura tamén a instalación de bandas redutoras e a mellora do enlace entre a PO-905 (Vila de Cruces - Arzúa) e a EP- 6403 (Vila de Cruces - Brocos), un punto necesitado de actuación para unha circulación máis segura.
PUBLICIDADE
Logo da xuntanza, as autoridades comprobaron o resultado das obras de mellora da accesibilidade executadas nos aseos da Casa do Concello. A intervención consistiu na reforma integral destas dependencias para adaptalas aos criterios de accesibilidade universal, incorporando as modificacións necesarias para facilitar o seu uso por parte das persoas con mobilidade reducida, eliminando barreiras arquitectónicas e mellorando a funcionalidade dun edificio no que se prestan servizos esenciais á veciñanza.
PUBLICIDADE
A actuación foi financiada ao abeiro da convocatoria de subvencións da Xunta destinada á creación e mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais para o exercicio 2025.
PUBLICIDADE
Taboada tamén destacou que esta actuación supón "un paso máis no compromiso
do Concello coa eliminación das barreiras arquitectónicas e coa prestación duns servizos públicos de maior calidade". Ademais, agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia por facer posible esta obra, e valorou “positivamente” a disposición do delegado territorial para coñecer de primeira man as demandas do municipio, confiando en que as peticións trasladadas durante a reunión poidan traducirse en novas actuacións que melloren as infraestruturas e a seguridade viaria de Vila de Cruces.










Comentarios